A Limia

Xinzo pide á Consellería o desdobramento de aulas

photo_camera Mestres e edís volveron a concentrarse diante do colexio.
Rexeitan a concentración de alumnos nas aulas

Continúa o malestar no Colexio Rosalía de Castro de Xinzo pola amortización dunha praza de docente que non facilitará, neste curso académico, os desdobramentos dos cursos máis numerosos para poder, deste xeito, garantir as distancias entre cativos. Por todo o anterior e logo dun acordo entre os portavoces da Corporación municipal, remitirase un escrito á Consellería de Eduación para tratar de solventar a situación. 

"Dende o Concello de Xinzo de Limia cremos que a seguridade e maila saúde dos alumnos e alumnas está por enriba de todo, e na volta ás aulas para o inicio do curso escolar debe primar a seguridade, a prudencia e a coherencia para que non teñamos que lamentar a propagación do virus, entre a comunidade escolar", manifestan, nun escrito, os edís locais. "Sumándonos á reivindicación da comunidade educativa do CEIP Rosalía de Castro, queremos amosar a nosa máis profunda preocupación e rexeitamento pola decisión tomada por parte da Xefatura Territorial de non habilitar unha praza de Educación Primaria, como se viña facendo nos cursos anteriores, para poder desdobrar aqueles niveis máis numerosos e así poder traballar cun rateo que garanta unha educación de calidade", engaden. 

Dende a administración local aseguran que dita decisión é áinda "máis discutible" dada a situación sanitaria actual, pola que se piden as mínimas concentracións posibles. "Sen ir máis lonxe, na capital de Ourense non se poden facer xuntanzas de máis de dez persoas e, curiosamente, dende a Xunta concentran a máis alumnos nas aulas", lamentan os portavoces da Corporación local que solicitaron, por unha banda, a dotación do mesmo número de mestres que o ano pasado, o desdobre nos cursos que sexa necesario polas dimensións das aulas e dotación económica para axudar a sufragar os custes extra das desinfeccións.

Te puede interesar