Xinzo potenciará a acollida de menores

Reunión
photo_camera Carmen Dourado, Elvira Lama e Alberto Martínez.
Acougo non conta actualmente con familias interesadas en acoller en Xinzo de Limia e a entidade confía en que a situación cambie nos próximos meses

O Concello de Xinzo, en colaboración coa Asociación Galega de Acollida -Acougo-, potenciará o acollemento de menores procedentes de centros en fogares de familias limiás. A alcaldesa, Elvira Lama, e a coordinadora da Asociación Galega de Acollida, Carmen Dourado, mantiveron unha reunión na que se estableceron as liñas de actuación para os vindeiros meses. Neste senso, a agrupación pretende celebrar unha charla informativa aberta a toda a cidadanía, pero especialmente para aquelas familias que desexen acoller. 

Por outro lado, no encontro celebrado no Concello de Xinzo e que contou coa presencia do concelleiro da área, Alberto Martínez, expúxose a posibilidade de realizar actividades formativas, sempre da man dos Servizos Sociais de Xinzo.

Acougo non conta actualmente con familias interesadas en acoller en Xinzo de Limia e a entidade confía en que a situación cambie nos próximos meses cando se coñeza a súa función e as características do acollemento, moi diferentes ás de a adopción, tal e como afirmou Carmen Dourado.

Te puede interesar