A LIMIA

Xinzo prepárase para minimizar o risco de incendios

O Concello contratará un novo servizo de desbroce para limpar os montes de cara a este verán 

O Auditorio Municipal da Casa da Cultura de Xinzo acollerá mañá, a partir das 11,00 horas, unha charla para informar sobre os cambios da normativa que afecta ás distancias de xestión da biomasa e as que hai entre as masas forestais e as vivendas. A xornada, organizada pola Concellería de Medio Ambiente de Xinzo e a Consellería do Medio Rural, terá como obxectivos fundamentais comunicar as novas leis desta materia, o xeito de aplicalas e dar unha serie de nocións para que os cidadáns poidan protexerse en caso de incendios. 

Estes cambios afectan aos treitos de seguridade que é obrigatorio deixar ao redor das vivendas, núcleos rurais e infraestruturas delimitando, por unha banda, as zonas nas que debe estar o terreo limpo de biomasa -maleza ou herba- , así como as zonas e distancias ás que pode haber arborado, pois a normativa establece diferentes distancias cando se trata de piñeiros ou eucaliptos. 

A nova normativa tamén establece obrigas para as administracións autonómicas e municipais, co obxectivo de dar cumplimento á nova xestión. Dende o Concello de Xinzo subliñan a importancia de que acudan o maior número posible de cidadáns a esta convocatoria. 
Por outra banda, o Concello de Xinzo contratará un novo servizo de desbroce para limpar os montes ante a escasez de medios, de cara a previr os incendios forestais. Os traballos serán adxudicados nestes días.

Te puede interesar