Xinzo ultima os detalles para unha nova edición da Festa do Esquecemento. A popular celebración retómase neste 2022 con total normalidade logo de dous anos de paréntese por mor da pandemia. Por este motivo, representantes institucionais, organizadores e forzas e corpos de seguridade locais mantiveron esta semana unha xuntanza para perfilar un plan de seguridade que axude aos participantes a disfrutar dun evento máis tranquilo e libre de violencia machista.
Tal e como informaron dende o Concello de Xinzo, a Policía Local reforzará o servizo cun despregamento “maior ao habitual” e contando co apoio da Garda Civil de Tráfico e tamén de Protección Civil. Tamén haberá servizo dos sanitarios e instalaranse puntos violetas “como elemento disuasorio e para evitar agresións ás mulleres”.
Por outra banda, en materia de infraestruturas, ao longo desta semana un total de 40 grupos de persoas atópanse preparando o campamento do Toural, un punto no que se recrea a vida dos antigos romanos e castrexos. Ademais, dende a Confederación Hidrográfica do Miño Sil e a través de Tragsa, trabállase na limpeza do río Limia -na conmemoración histórica, o río Lethes- para que a escenificación do cruce dos romanos se faga sen ningún problema.
UN DÍA PARA A FESTA
O Esquecemento limiao comezará mañá venres, a partir das 20,00 horas, coa apertura do mercado de artesanía que estará instalado no Toural. Pola súa banda, o campamento abrirá as súas portas media hora máis tarde.
O sábado será a quenda para a loita de gladiadores e o desfile, e o domingo, a partir das 17,30 horas, terá lugar o acto central: o cruce do río Lethes.