pleno

Xinzo retirará toda a simboloxía franquista das rúas

img_3156_result
photo_camera A sesión plenaria celebrada onte foi a primeira de carácter ordinario que presidiu López Casas.

A moción foi rexistrada polo grupo socialista para dar cumplimento á Lei de Memoria Histórica

Os desexos de consenso e a liña conciliadora que pretende seguir o novo alcalde de Xinzo, Manuel López Casas, materializáronse no primeiro pleno ordinario que se celebrou na capital limiá baixo o seu mandato. Nesta sesión, nove dos 10 puntos que se abordaron na orde do día foron aprobados de xeito unánime, entre eles, a moción socialista para a retirada de toda a simboloxía relacionada coa ditadura franquista presente na vila, como é o caso da placa ubicada no grupo de edificios de San Sebastián. 

A iniciativa do PSOE tamén inclúe un recoñecemento a Cándido Fernández García, o tenente de alcalde socialista que foi asasinado durante o ano 1936 na estrada que comunica Xinzo de Limia con Vilar de Barrio.

Outro dos puntos que xerou maior debate -aínda que rematou en consenso- foi a proposta da formación Xinzo Adiante para a retirada das antenas de telefonía móbil ubicadas na rúa Ladeira. Estes terminais están preto do Centro de Saúde local e dunha gardería e, por mor de que ocasionen danos para a saúde das persoas, o grupo da oposición solicitou un cambio no seu emprazamento. "Non estamos en contra do progreso, pero entendemos que hai en Xinzo outros puntos máis axeitados para ubicalas", manifestou Manuel Pérez Campos, portavoz de XA. 

O novo tenente de alcalde e portavoz popular, Manuel Cabas -médico de profesión- puntualizou que "non está demostrado risco" que supoñen estes terminais para a saúde dos cidadáns, pero fundamentou o voto a favor do seu grupo "por precaución". Ramiro Rodríguez, do Bloque Nacionalista Galego, pediu "non crear alarma social" con esta cuestión, aínda que secundou a moción. 

A corporación municipal limiá tamén deu luz verde á iniciativa de Xinzo Adiante para instar ás administracións competentes á declaración de Xinzo como "zona de emerxencia" debido aos danos causados nas parcelas de cultivo pola auga. Neste senso, os tres grupos da oposición coincidiron na necesidade de adoptar "medidas preventivas e solucións estruturais" posto que, tal e como sinalou o portavoz nacionalista, "levamos anos solicitando esta declaración polas distintas inclemencias meteorolóxicas". 

O portavoz da Asociación de Productores de Pataca da Limia, Amador Díaz -que estivo presente na sesión- asegurou que, polo momento e salvo a Confederación Hidrográfica, "ningunha administración se puxo en contacto con nós". O bo tempo dos últimos días permitirá comezar coas labores de semente a vindeira semana. 

Na sesión tamén se aprobaron definitivamente os orzamentos de 2018 -ascenderán a 8,3 millóns- despois das modificacións requeridas por Facenda.

Te puede interesar