AXENDA CULTURAL

Barbadás celebra o feminismo

A concellería de Igualdade do Concello organiza este sábado unha xornada de música, poesía e convivencia, coa muller como tema central

No concello de Barbadás este sábado teñen preparada unha axenda de actividade para todo o día. Trátase da I Romaría Feminista, organizada polo propio Concello, que desde as 11,00 horas ofrece mesas de debate, recitais de poesía, microteatro e música galega e feminista, na calzada romana do municipio, a carón do polideportivo de A Valenzá. Despois da primera mesa redonda, coa participación de mulleres da Marcha Feminista, será o turno de "Dúas gamberras e un micro", unha parella de poetas "que fan unha poesía transgresora, que se mete nos bares e non fala de amores nin romanticismo", conta Ánxela González, concelleira de Igualdade de Barbadás. Será a propia González a que fará unha pequena intervención para "facer a presentación oficial da Romaría Feminista e compartir, en clave feminista, o que significa para nós este evento". 

A hora do xantar está programada para ás 14,30 horas no espazo gastronómico, onde haberá postos para mercar de comer, e incluso opcións para os veganos. Xa a media tarde, a compañía de teatro municipal estreará "Sofía", unha obra creada para a ocasión, coa actriz Marta Pérez como protagonista dun relato centrado na violencia de xénero. Para finalizar, a partir das 20,30 horas, os asistentes poderán disfrutar dos concertos das artistas Xestreu, De Vacas, Sés e The Tetas Van. 

Te puede interesar