Axenda cultural

Un minifestival con ADN ourensán

20180725221456457
photo_camera Connectica será un dos grupos que actuará no concerto E/M/E/R/X/E.

Catro bandas da terra, con estilos que van do jazz ao trap, tocan o xoves nas escaleiras do Arqueolóxico. A meta, visibilizar o talento local

A Asociación Cultural Lusquiños (ACL) organiza un encontro protagonizado por músicos emerxentes ourensáns. "A iniciativa xurdiu despois de decatarnos da falta de medios e espazos que hai en Ourense para darnos a coñecer, tanto os grupos novos como aqueles con estilos musicais diferentes". Oriana Darko é integrante de Lusquiños e vocalista de Lady Day, un dos grupos do evento, que baixo o nome E/M/E/R/X/E, agrupa a catro formacións musicais que actuarán hoxe ás 20,00 horas nas escaleiras do Museo Arqueolóxico, no marco do veránEarte, organizado por EsCuA.

A idea nace dunha actividade organizada o pasado verán pola asociación. "Un dobre espectáculo, cun recital de poesía e concertos de diversos artistas ourensáns, co obxectivo de dar cabida aos talentos da provincia", explica Darko.

Trala boa aceptación que tivo o evento, dende Lusquiños decidiron repetir a iniciativa, pero decantándose unicamente pola parte musical: "Percibimos que á xente lle resulta máis amena e dinámica a música en vivo, xa que a poesía entraña un nivel maior de seriedade e rixidez".

E/M/E/R/X/E ofrece un cartel con catro grupos de diferentes estilos, co nexo común de ser "made in Ourense". Lady Day, Colectivo TBK, Kicking Roses e Connectica son as bandas encargadas de amenizar o serán do vindeiro xoves, con catros concertos de 35 minutos cada un.

O evento pretende abarcar diferentes públicos, así como estilos musicais,"dende o punk de Colectivo TBK ata o indie, a tendencia que define a Connectica. O toque máis actual apórtao Kicking Roses coa súa fusión duns sons máis alternativos coa tendencia musical do momento, o trap". Tamén haberá oco para o jazz de Lady Day.

"O obxectivo é crear un evento único e multicultural, dirixido a un público heteroxéneo de todas as idades, dende aqueles máis fieis á música dos 80, pasando ás tendencias máis actuais", explica a vocalista. 

Te puede interesar