agenda

Noite de humor con Cándido Pazó

Cándido Pazó volve a Zarracós para presentar o seu monólogo.
photo_camera Cándido Pazó volve a Zarracós para presentar o seu monólogo.
Tres anos despois, Cándido Pazó volve a Zarracós para presentar o monólogo "Así mo contaron... así o conto", un espectáculo que combina humor e evocación.

O actor, director, guionista e monologuista Cándido Pazó reencóntrase esta noite co seu público de Zarracós (A Merca). Pazó volta tres anos despois á localidade para presentar o seu novo monólogo, "Así mo contaron... así o conto". Trátase "dun conxunto de historias variadas que elixirei unha vez alí, intentando adaptar o repertorio ao público", avanza Pazó.

Un espectáculo "espontáneo"  que combina "humor con evocación" que nace coa intención de crear unha noite divertida.

Entre os temas que conforman o repertorio do monologuista, Pazó destaca "a muller e o seu mundo", así como "a emigración, un tema moi recurrente nun lugar como Zarracós, onde no verán a maioría da súa poboación é emigrante". Todos eles co mesmo elemento en común, o humor.

Ademais de tratar temas que buscan sacar un sorriso no espectador, "Así mo contaron... así o conto" inclúe unha reivindicación da lingua galega. "É o fomento do galego a través da palabra ben falada, reivindicando o seu uso e coidando tanto a súa gramática como a súa estrutura", explica o director.

A de hoxe será unha noite especial para o actor vigués por voltar a un lugar "tan pintoresco" como Zarracós, ademais de que é todo "un gusto ver a boa acollida deste tipo de espectáculos". Pazó contará cunha compañía especial: "Parte de miña familia é de Allariz, así que se acercarán ata Zarracós", engade.

A actuación do actor vigués está enmarcada dentro da programación da Asociación de Veciños San Andrés pola festa das Neves. Despois de tres días de festa, hoxe os veciños teñen unha nova cita que comeza á tarde coa  celebración da "III Olimpíada Rural de Broa", na que os participantes practicarán diversos deportes populares. Trala sesión deportiva, nada mellor para relaxarse que unha boa dose de humor.

Lugar: Zarracós, A Merca

Día e hora: mércores 7, ás 22,15 horas

Te puede interesar