Axenda cultural

Un pasado histórico "birlado"

escritttore
photo_camera Xabier Quiroga posa xunto ao seu libro.

A librería Eixo acolle, mañá a partir das 19,30 horas, a presentación da nova novela de Xabier Quiroga, "La casa del nazi"

"Esta obra responde a unha teima miña particular", comenta Xabier Quiroga, autor de "La casa del nazi", que se presenta mañá na libreira Eixo a partir das 19,30 horas.

A "teima" non é outra que as pegadas que os nazis deixaron en Galicia no século XX, durante o seu apoxeo e trala súa caída despois da II Guerra Mundial. "Lin varios libros sobre o tema e empecei a investigar e falar con xente, ata que descubrín un pasado que nos birlaron por completo a todos os galegos", explica, referíndose ao descoñecemento social sobre a temática.  

Así, en "La casa del nazi", Quiroga mistura parte das súas pesquisas históricas cun relato ficticio no que conviven moitos personaxes reais con outros totalmente inventados. 

O relato viaxa por diversos puntos da xeografía galega, dende Rande ata a Ribeira Sacra, mentres debuxa unha cartografía dos lugares vencellados ao nazismo. Un mapa que non deixou indiferente ao propio autor. "Non me agradaron moitas das cousas que atopei no camiño. Por exemplo, a historia das Torres de Arneiro en Lugo.

Servían aos nazis para controlar o tráfico do Atlántico norte e deixáronse caer no ano 2009, sen que ninguén se preocupase", afirma. Quiroga tamén enumera, entre os descubrimentos que máis o impactaron, a posible presenza de Hitler no Mosteiro de Samos ou o embarcadoiro xa destruido de Rande e dende o que se enviaba o wolframio en barcos ata Alemaña. 

Porén, o escritor deixa claro que este "segue sendo un campo aberto á investigación" e convida a todos os interesados a continuar co seu traballo e profundizar aínda máis. "A día de hoxe sigo recibindo informacións de lectores con elementos novos que non coñezo, pero eu xa rematei coa miña labor", remarca.


Unha novela para todas as idades 


Aínda que Quiroga se define como un escritor de libros para adultos, entre os lectores da súa última obra abundan mozos de 16 e 17 anos. "Engánchanse pola trama e pola presenza nazi, que é moi atractiva", explica. Para aqueles que queiran probar sorte, o autor recomenda "darlle unha oportunidade, xa que ao final, todas as pezas do puzzle encaixan á perfección". 

Te puede interesar