CONCERTO

Rematar o verán con Son da Rúa

photo_camera Álex Arnoso e Hugo Guezeta forman Son da Rúa.
O rap reivindicativo de Hugo Guezeta e Álex Arnoso soará esta noite en Verín no marco do festival Extruga Street. Un concerto no que Son da Rúa despedirá a súa xira estival.

O grupo de rap galego Son da Rúa visita esta noite Verín para actuar no festival de cultura urbana Extruga Street. Trátase da primeira vez que o grupo de Ponteareas participa no festival e faino coa intención de "apoiar este tipo de iniciativas e promover a cultura urbana e galega", sinala un dos integrantes do grupo, Hugo Guezeta.

Esta noite os asistentes escoitarán a última novidade de Son da Rúa, "Salsa Galaica", tema que presentaron en primicia o pasado 14 de agosto en Allariz. "A resposta do público foi moi boa, o público de Allariz e de Ourense en xeral sempre nos apoia moito", engade Hugo.

"Salsa Galaica" é unha canción de verán na que a través de ritmos festivos se lanza unha mensaxe de loita polos nosos dereitos.  E é que se hai un leitmotiv presente en cada canción de Son da Rúa é a reivindicación constante "da nosa lingua e da nosa cultura". A través das súas verbas, Álex Arnoso e Hugo Guezeta critican o maltratada que se atopa a cultura galega, así como a situación de inferioridade á que se ve sometida a lingua galega. Aínda que recoñecen que nos últimos tempos a situación vai mudando: "Cada vez máis grupos atrévense a facer música de calidade en galego, logrando unha maior visibilidade da música galega", sinala Hugo.

En tan só tres anos, o dúo consolidouse como un dos grupos referentes do panorama musical galego. Nese proceso, o grupo experimentou un cambio de madurez "no que fomos adquirindo máis seriedade e profesionalidade na forma de traballar", explica Hugo Guezeta.

Coa actuación desta noite, Son da Rúa despide a súa xira de verán. "Queremos pecharnos e comezar a traballar no novo disco", explica Guezeta. O novo traballo, que incluirá as cancións de "Salsa Galaica" e "Éxodo", verá a luz a comezos de 2020. "Lento, pero será un bo traballo", conclúe Hugo. n

Lugar: Praia fluvial de Verín

Hora: 23,40 

Te puede interesar