Axenda Cultural

Rosalía, dende o cello e o piano

sontrio1
photo_camera Su Garrido, Katerina Linke e Susanna Blanco conforman Son Trío.

Os Peares recibe hoxe ao grupo vigués Son Trío, que trae as súas cantigas musicadas do poemario de Rosalía Follas Novas

O ciclo Monumenta chega hoxe a Os Peares para realizar unha aproximación ao patrimonio industrial desta contorna. Á cita acudirá o grupo musical Son Trío, encargado de amenizar a xornada cos seus sons.

"Este proxecto comezou cando a pianista Katerina Linke nos presentou a Susanna Blanco e a min", explica Su Garrido Pombo, a voz de Son Trío.

A súa breve historia, pois o grupo fundouse este ano 2017, está moi ligada á figura de Rosalía de Castro. "O noso primeiro traballo, Miña Almiña, son dez cantigas do poemario Follas Novas que nós musicamos", indica Su Garrido.

Neste sentido, os seus temas, todos en galego, caracterízanse pola forte presenza da muller. "A protagonista das nosas cancións  é a muller. Forte, independente, que cre na arte. Unha muller que recorda constantemente a Rosalía de Castro", afirma Garrido.


"Cun estilo difícil de definir, que xoga entre o clasicismo que aporta o piano de Katerina e o cello de Susanna, e un aire máis contemporáneo, Son Trío tamén bebe das influencias do jazz ou mesmo de ritmos latinos", conta a vocalista do grupo vigués.


Na súa curta traxectoria, pois a súa primeira actuación foi no pasado mes de febreiro, Son Trío pode presumir de contar cunha nominación ao premio musical Martín Códax. "De momento estivemos traballando en Galicia, pero a nosa idea pasa por levar a lingua galega e a figura de Rosalía, xunto co seu legado, fóra das nosas fronteiras", indica a compoñente de Son Trío.

Unhas actuacións que destacan pola intimidade e intensidade que aportan as melodías do piano e do cello, ás que Su engade un punto de expresividade ao xogar cunha narrativa máis actual.

Inmersas na preparación do seu  próximo disco, que esperan lanzar este outono e que conxugará as creacións de Linke con temas máis tradicionais, a de hoxe será unha data doblemente especial. Ademais de ser a súa primeira actuación na provincia, engádese o valor emocional que ten para á ourensana Blanco tocar na casa.

Te puede interesar