AGENDA

Un teatro sen limitacións

"O inspector" represéntase esta tarde no Auditorio de Ourense.
photo_camera "O inspector" represéntase esta tarde no Auditorio de Ourense.

"O inspector" presenta un espectáculo para denunciar en clave cómica a corrupción política, ademais de demostrar que no arte non hai barreiras

"Unha comedia aceda pola seriedade e vixencia do tema". Así presenta Melania Cruz "O inspector", espectáculo que axuda a dirixir xunto con Tito Asorey e que se representa esta tarde no Auditorio de Ourense. Inspirada na obra de Nikolái Gógol, "O inspector" narra en clave cómica unha realidade marcada pola corrupción política. Neste sentido tamén se critica que "o poder sexa esclusivo dos roles masculinos", explica Cruz. Por iso, os papeis centrais, o alcalde e o inspector, son representados por mulleres disfrazadas de homes. "É unha forma de mostrar a desigualdade a que nos afrontamos as mulleres á hora de conseguir postos importantes".

Tito Asorey, acompañado por Melania Cruz, dirixe esta peza, a novena dende que ambos entraron a formar parte de Teatro Muxicas no ano 2007. "Ambos atopamos na compañía un significado de teatro moito máis amplo, que vai máis aló do plano artístico". A formación ourensá está integrada por persoas con discapacidade visual pertencentes á Once, cuxo obxectivo é lograr a inclusión deste colectivo no eido escénico.

"Debido aos paternalismos que existen cara a xente con diversidade funcional, apostamos por un traballo con moito rigor artístico", sinala Melania Cruz.

"O inspector", estreada no pasado mes de xuño e galardonada co Premio do Público na XI Mostra de Teatro Amador, ten un longo percorrido por diante: "O noso obxectivo é visitar o maior número de sitios posibles para visibilizar a realidade dun colectivo que a sociedade descoñece", conclúe Melanie.

Lugar: Auditorio Municipal de Ourense

Hora: 20,30

Te puede interesar