AGENDA CULTURAL

Valle-Inclán 2.0, formato 24 horas

Ourense. 11/05/18. Teatro en el principal con la obra del Centro Dramátrico Galego " Divinas Palabras Revvolution".
Foto: Xesús Fariñas

O Centro Dramático Galego presenta no Principal a súa última creación, "Divinas palabras revolution". Este sábado, ás 20,30 horas, o último pase

A miseria humana que Valle-Inclán retratou a comezos do século pasado segue sendo actual. Iso é o que trata de amosar o Centro Dramático Galego coa súa obra "Divinas palabras revolution", unha revisitación, en galego, do clásico do escritor.  

"É unha adaptación na que Valle está moi presente. Fixemos unha traslación daquela Galicia que el retrata á de hoxe en día, e en galego", explica Manuel Cortés, actor e traductor da obra. Os pecados son os mesmos, o único que cambia é o paisaxe que os rodea. "É a mesma miseria, pero xa non hai unha paisaxe galega de fondo, se non a casa dun 'reality', onde conviven todos", comenta Cortés. Un formato moi actual, do que non é difícil atopar exemplos na televisión. "A acción comeza cando levamos 77 días alí pechados, e o que sucede é sacado directamente do que ocorre na historia que narra Valle-Inclán", afirma Victoria Pérez, outra actriz da obra. Os conflitos que xorden e a forma de relacionarse están adaptados ao momento presente, pero non son diversos, tal e como sinala Pérez: "É un retablo esperpéntico idéntico, onde tamén viven a avaricia, a luxuria é a morte". 

Así, o público coñecerá as historias dos protagonistas de "Divinas palabras revolution" a través da observación das 24 horas do seu día na casa, tal e como sucede nun programa real destas características. 


Crítica social


Tanto Cortés como Pérez coinciden en que non é unha obra optimista, pero si moi "necesaria". "Hai que vir sabendo que non saes máis contento do que entraches, o sorriso conxélase na cara, pero por unha boa razón", razoa a actriz. A obra convida á reflexión, á charla, á autocrítica. "Non queremos moralizar, senon invitar ao espectador a que analice esta sociedade actual e vexa ata onde podemos chegar, ata onde chega a nosa capacidade de destrucción do que nos rodea", sentencia Cortés. 

Por iso, ambos convidan ao espectáculo non só aos amantes da dramaturxia, senon a todo o mundo. "Especialmente aos máis novos, que entenderán mellor as claves deste formato 24 horas", afirma. E a súa compañeira engade: "Que non deixen de vir, non hai tantas propostas como esta na nosa comunidade".

Te puede interesar