"Luces e Sombras" acolle en 39 fotografías as diferentes propostas dos membros da agrupación Fotosíntese de xogar cos contrastes
A agrupación fotográfica Fotosíntese presenta esta tarde a súa quinta exposición colectiva "Luces e Sombras", un traballo composto por 39 imaxes nas que as sombras e os contrastes son o elemento protagonista. A mostra pode visitarse no Espazo Xove ata o 30 de novembro.
"Partindo dun elemento común, neste caso as luces e sombras, cada membro retrata unha realidade concreta, pasando dende persoas, paisaxes ou elementos arquitectónicos", sinala Luis Álvarez, presidente da agrupación ourensá Fotosíntese. Unha temática elixida por consenso polo seu atractivo e por ser "unha oportunidade para aprender aspectos claves na fotografía".
A agrupación
Unha exposición moi variable, tanto en canto aos temas como ao tamaño das instantáneas: "Dende Fotosíntese rexeitamos establecer límites creativos, o que nos leva a traballos como 'Luces e Sombras', no que predomina a liberdade artística", destaca Álvarez.
Fotosíntese naceu no ano 2014 coa intención de crear un espazo para que os amantes da fotografía tivesen a oportunidade de facer o que máis lles gusta. "Somos un grupo de aficionados, entre 30-35 membros, que temos a intención de disfrutar da fotografía ao mesmo tempo que apredendemos máis desta arte".
Neste sentido, a asociación organiza cursos e obradoiros impartidos por profesionais na materia para profundizar en determinados temas, que pasan dende o "manexo de novas tecnoloxías, o uso do photoshop ou o control da luz". Estas actividades diríxense tanto aos membros de Fotosíntese como ao resto de cidadáns. Dende a súa creación, cada ano os membros da agrupación realizan unha exposición anual de carácter colectivo e voluntario, no que gozan de plena liberdade creativa.
Lugar: Espazo Xove, rúa Celso Emilio Ferreiro, 27
Hora: 20,00