Os cineastas ourensáns Alba Prol Cid (Maceda) e Raúl García (A Bola), son os pais e directores de "O Gran Camiño" ("The Great Way"). Un documental, producido por Meteórica Cine, que contou co apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia a través de "O Teu Xacobeo", que realiza un percorrido por algúns dos camiños máis relevantes do mundo, entre os cales se atopa o Camiño de Santiago. O proxecto, que verá a luz en pleno Ano Santo, aínda que non ten data de estrea, empeza a recibir o recoñecemento de diferentes festivais internacionais.
Empezan o ano sendo finalistas dos “European Cinematography Awards", como se senten?
Raúl: Estamos nunha nube, moi sorprendidos. Isto todo empezou hai 15 días, que decidimos mandar o documental aos festivais e a acollida foi moi boa. Hai uns días notificáronnos dos primeiros premios, en India e Bután, este último como mellor película de viaxes no "Drak International Film Festival"; e agora somos finalistas no "European Cinematography Awards". En ningún momento foi pensado coa pretensión de que participase en festivais, non é o típico traballo que se presenta a festivais, pero pensamos en envialo para darlle visibilidade.
Como xurdiu o proxecto?
Raúl: Foi algo que concibimos desde o Camiño de Santiago, pero coa idea de facer algo máis amplo, máis internacional. Abarcando distintos camiños do mundo. A idea era reflectir eses camiños e os motivos que levan á xente para camiñar. Alba é o fío condutor que mostra como unha cineasta galega embárcase na aventura de camiñar, eu saio menos.
Alba: Raúl tamén sae. Eu son máis bilingüe e por isto estou máis nas entrevistas, pero el tamén aparece.
Que camiños escollestes para este proxecto?
Alba: O Pacific Crest Trail que atravesa a costa oeste de Estados Unidos, o camiño Kumano Kodo na rexión do Wakayama en Xapón, o Camiño Inca a Machu Picchu en Perú e o Camiño de Sanitago, claro.
E por que escollestes estes e non outros?
Raúl: O Camiño de Santiago é o nexo de unión, é o que aglutina un pouco todas as vertentes que poden mover a alguén a facer o camiño: de natureza, cultural e tamén relixiosa. E, a partir del, buscamos outros que representasen cada una de esas vertentes o puramente natural como é o do Pacific Crest, que atravesa parques nacionais e podes pasar unha semana sen ver nada de civilización. Logo está o xaponés que é relixioso e, a vertente cultural, está representada polo camiño dos Incas.
Como foi a rodaxe?
Alba: Foi moi emocionante, porque ao ser un proxecto noso, é como o teu fillo. É a primeira vez que facemos algo tan grande, tan noso e internacional. Eu son unha persoa a que lle encanta viaxar, pero nunca me interesou o Camiño de Santiago, nunca o fixera. E agora que tiven esta oportunidade, encantoume. Coincidiu ademais que saíamos do confinamento e todo ese remanso de paz, de natureza. Sorprendeume.
Raúl: O camiño vai dunha cousa e sorpréndete, ten moitas vertentes. Hai quen o fai para pasalo ben e cámbialle a vida e logo hai quen busca iso e pásase unhas vacacións marabillosas.
Que reflexión facedes despois de tantos quilómetros e horas de gravación?
Raúl: O covid pillounos no medio da gravación e, cando retomamos a rodaxe no que chamaron a nova normalidade, unha moza lituana que facía o Camiño de Santiago díxonos algo que me gustou moito e é que a pandemia nos ha vindo confirmar o que xa sabiamos, que nunca sabes o que vai pasar mañá. Temos un gran plan, que é a nosa vida, e temos que vivir o presente.
Cando poderemos gozar deste traballo?
Alba: Aínda está por pechar ese tema, pero nos vindeiros meses organizaremos unha preestrea en Santiago de Compostela, que é a cidade na que vivimos.
Que proxectos tedes entre mans?
Raúl: Queremos e imos facer máis camiños. Tivemos a sorte que, no confinamento, traballamos moito en casa e unha distribuidora europea recomendounos transformar o proxecto nunha serie, porque así terá unha mellor saída en televisión, nas plataformas. Os premios son marabillosos, pero que alguén aposte así por ti...
Alba: Foron catro meses, doce horas editando. Ao final parimos seis fillos: catro capítulos de 50 minutos para unha serie (un por camiño), e dúas versións longas, unha para Galicia máis centrada no Camiño de Santiago e outra máis internacional, onde os catro camiños teñen o mesmo trato.
Cales serán os seguintes?
Raúl: Tiñámolo todo calculado, pero o coronavirus condiciónanos todo. Non podemos dicir cales serán, pero tocaremos África, algo no leste de Europa e tamén queremos incluir Asia.
Non podemos pechar esta entrevista sen apelar ás raíces celanovesas de Raúl, que teñen as Terras de Celanova para ser berce de tantos artistas?
Raúl: Celanova estes días esta soando moito grazas á serie de Netflix de Carlos Montero. Vese que a xente de Celanova temos ganas de contar cousas e inclúome porque, aínda que son da Bola, estudei na vila e síntome moi vinculado a ela. Hai moita xente que se adica a isto e que sente un apego especial pola súa terra. Igual en outros sitios tamén hai xente que fai cousas, pero non sente esa vinculación. Iso non quita que estea a suceder algo especial, moita xente dedicada ao audiovisual, pero tamén ás letras, e que está a triunfar!.