SEMANA VITIVINÍCOLA

Baltar convida a "militar" no futuro do Ourense rural

Expertos e empresarios examinaron as claves para o desenrolo do medio nunha xornada en Celanova

A xornada técnica "O rural ourensán: un mundo de calidade, retos e oportunidades" tratou de respostar de forma "optimista" á pregunta "que está pasando no rural?". Así o formulou o presidente de Evega, Juan Casares, insistindo na idea de que "hai futuro e Ourense ten potencialidades suficientemente importantes para plantarlle cara a ese futuro". Con esta premisa, unha serie de expertos participaron nas ponencias desenvolvidas no Salón dos Arcos do Concello de Celanova afondando nos diferentes sectores económicos presentes na provincia, nunha actividade enmarcada no programa da III Semana Vitivinícola de Galicia.

O presidente da Deputación provincial, Manuel Baltar, foi o encargado de inaugurar a xornada realizando un repaso por tódolos campos de actuación nos que ten participado o organismo provincial ó longo dos últimos anos. Na súa intervención, Baltar lembrou a necesidade de que "esteamos convencidos" do futuro do rural porque "un proxecto coma este hai que facelo en base ás aportacións de todos". Para o presidente provincial, o rural non debe "deixarse levar polo fácil, que é queixarse", senón que debe basearse en políticas concretas e "non será unha realidade se cada día non somos máis militando nese Ourense" que avoga polo futuro do rural.

A xornada técnica celebrada en Celanova contou, ademais, coa presencia do profesor universitario Andrés Mazaira, que perfilou as cifras do sector agroalimentario. Tras del, varios expertos en recursos xenéticos afondaron na gran achega que a provincia lle ten feito á biodiversidade. Pola súa banda, representantes das indicacións xeográficas Pemento de Arnoia, Pataca de Galicia e Pemento de Oímbra explicaron por onde pasa o reto da excelencia nun territorio de calidade para fomentar o patrimonio agroalimentario. Por último, o sector vitivinícola amosou as oportunidades do viño e o enoturismo como posibles motores económicos para zonas como Monterrei, O Ribeiro ou a Ribeira Sacra. Pecharon a xornada os representantes de tres iniciativas que, dende diferentes campos de actuación, traballan en prol do rural. Óscar Freire, socio de Amarelante; Javier González, da adega familiar Ramón do Casar, e Antonio Piñeiro, técnico de Cultura do Concello de Celanova, detallaron os proxectos nos que traballan neste sentido baseados na castaña, o viño e a cultura, respectivamente.

Te puede interesar