O camposanto celanovés acollerá no outono un acto de apoio á iniciativa

Unha campaña promove o uso do galego nas lápidas

Aser Álvarez, Xosé Benito Reza, Carme Vaquero, Antonio Piñeiro, Luis Ferro e Xosé González. (Foto: L.F.)
O Concello de Celanova sumouse onte á iniciativa para fomentar o uso da lingua galega, 'En galego, agora e sempre', desenvolvida pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.
O camposanto de San Verísimo será o protagonista desta campaña de dinamización do galego na que tamén participará a Asociación Arraianos. 'Cando un morre paga unha peaxe moi cara, porque entra no cemiterio e muda de lingua', enfatizaba Xosé González, presidente da asociación de funcionarios que xa impulsou esta campaña noutros concellos galegos. Engade que 'é certo que durante anos a Iglesia obrigaba a usar o castelán, pero xa pasou moito tempo diso'.

O proxecto que comparten as tres entidades leva consigo un traballo pedagóxico que pretende implicar a tódolo pobo celanovés. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, máis dun 85% dos celanoveses se declaran galego falantes, 'namentres so unha pequena porcentaxe das 680 lápidas do camposanto, incluida a do ilustre Celso Emilio, están en galego', suliñaban os promotores da iniciativa.

Esta consistirá na celebración dun gran acto público na vila onde se reafirme o compromiso dos veciños ca súa galeguidade fronte o momento máis transcendente da vida, que é o da morte. 'O documento, do cal dará fe un notario, recolle que chegada a hora do meu pasamento, quero que todo o relativo ó meu funeral e enterro se realice exclusivamente en lingua galega', recitou González.

O acto, que se desenvolverá no outono, incluirá a colocación dunha placa na porta do cemiterio e un acto simbólico de mudar a lápida en castelán dalgún veciño por outra en galego. 'Queremos que os veciños sigan ese exemplo ou, si ben non poden ou non queren cambiala, si que o teñan en conta para futuras defuncións', apuntou González. A campaña completarase ca publicación dun novo volumen de 'En galego, agora e sempre', onde se recollerán dun xeito literario as mandas testamentarias de 50 personalidades da comarca.

Te puede interesar