CELANOVA

Celanova conta a historia “que non sae nos libros"

O neto do Celso de Poulo lembrou ó antigo alcalde de Gomesende 

Co obxectivo de dar a coñecer esa parte da historia "que non sae nos libros" chegou a Celanova a segunda xornada da VIII edición do Seminario sobre a memoria. Na vila, os asistentes tiveron ocasión de coñecer lugares destacados da Guerra Civil e a posterior represión, como foi o caso do claustro que hoxe alberga o instituto. Alí, visitaron a biblioteca e coñeceron a celda onde estivo preso o poeta celanovense Celso Emilio Ferreiro.

Previamente, os participantes, formados na súa maioría por docentes galegos, tiveron ocasión de coñecer a historia do Celso de Poulo, antigo alcalde de Gomesende e deputado provincial asasinado no conflicto bélico. Foi Delfina Meire, esposa do seu neto, Carlos Pereira, a encargada de relatar o "drama que supuxo para as familias a Guerra". Na súa charla, incidiu na importancia "vital" de lembrar o que aconteceu para que "as xeracións vindeiras coñezan aqueles tempos tan terribles", tanto para que non se repita como para "recoñecerlle ós represaliados que as súas mortes non foron en balde".

Entre os asistentes estivo tamén Francisco Martínez "Quico", un dos últimos guerrilleiros, que espontaneamente tomou a palabra para pedir que a memoria se manteña nas persoas porque "é a sociedade civil quen ten que velar por ela".

O Seminario sobre a memoria trasladouse tamén ata o monte do Furriolo, onde un monumento lembra ós presos republicanos fusilados na zona. Porén, tamén aproveitaron para coñecer o Mosteiro de San Salvador e gozar dun pequeno concerto de órgano.

A terceira xornada desta iniciativa, iniciada o venres en Rianxo, continuará hoxe en Allariz. A partir das 10 horas, a Casa do Concello acollerá as experiencias dos guerrilleiros Camilo de Dios e Quico, así como unha charla sobre a medicina na Guerra Civil, impartida polo médico David Simón. 

Te puede interesar