CERTAME

O concurso “Pinchos da miña Terra" atrae a 23 bares

O concurso gastronómico terá lugar este fin de semana, do 2 ó 4 de xuño

Celanova xa ten todo previsto para que este fin de semana, do 2 ao 4 de xuño, un total de 23 bares e restaurantes da vila, Vilanova dos Infantes e Vilaflor (Ramirás) participen na quinta edición do concurso gastronómico "Pinchos da miña Terra". Trátase dunha iniciativa que pretende dar visibilidade ao sector hosteleiro e ao turismo da vila. Segundo poñen de manifesto os organizadores "veciños e visitantes están invitados a disfrutar dunha variada oferta culinaria que combina tradición e alta cociña con propostas que oscilan entre os 1,5 e os 2 euros".

Segundo explican nunha nota de prensa, nesta ocasión foron os hostaleiros participantes en colaboración cós responsables do portal web compraencelanova os encargados de coordinar o certame organizado pola Fundación Curros Enríquez coa colaboración do Concello e o patrocinio da empresa celanovesa Almacenes Miranda.

Salientan que "os obxectivos deste evento de dinamización comercial son: promover a riqueza da gastronomía local; achegar ao público as distintas propostas gastronómicas dos diferentes locais e recuperar a tradición dos pinchos ao mesmo tempo que se incentiva a afluencia de visitantes á vila de San Rosendo".

Serán os comensales os encargados de elexir o mellor pincho deste 2017, valorando a presentación, sabor, orixinalidade e materia prima. Os consumidores deberán cumprimentar a papeleta de votación e obter o selo de tres establecementos distintos. Entre todos os participantes sortearase unha cea na Rectoral de Ansemil e un paquete turístico. 

Te puede interesar