LITERATURA

Un coro de 500 nenos recitará a Curros Enríquez nunha homenaxe que acollerá Celanova

Serán catro pezas sobre poemas do autor, coa dirección artística de Maximino Zumalave e a interpretación do grupo de metais Hércules Brass

A homenaxe a Rosalía de Castro con motivo do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos terá continuidade na segunda edición de 'Non bico un cantar', no que un coro de preto de 500 nenos recitará na localidade ourensana de Celanova, o próximo 6 de xuño, os versos de Curros Enríquez.

A segunda edición desta iniciativa, impulsada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, impulsará unha xornada na que se unirán de novo a música e a poesía, con catro pezas sobre versos do autor de Celanova, a dirección artística de Maximino Zumalave e o acompañamento musical do grupo de metais Hércules Brass.

Serán eles, xunto con medio millar de novos de entre 8 e 14 anos que estudan en conservatorios e centros oficiais de ensino musical de Galicia, os que interpretarán as pezas musicadas por Xosé Baldomir, Xoán Montes, Xosé Castro 'Chané' ou Xabier Comesanha.

En rolda de prensa e acompañado polos directores dos conservatorios profesionais de música de Galicia, o presidente do CCG, Ramón Villares, destacou que se trata dun programa "bastante completo" no que se unen a poesía, a música e a xuventude, que está "chamado a manter durante moito tempo".

O propio Zumalave, director artístico do evento, quixo recordar a "emoción" que sentiu durante o recital dedicado a Rosalía de Castro, ao escoitar decenas de voces novas "ao unísono" e grazas ao que se reafirmou en que a cultura, a música e a poesía "non é solo para especialistas".

"É para todos dende a infancia", destacou. Neste sentido, comparou a cultura como un bosque no que hai "árbores plantadas de hai tempo", en alusión aos músicos compositores que apoiaron a proposta, pero que tamén representa unha paraxe que "se"pode gozar dende nenos" ademais de servir para o traballo dos estudosos.

Así mesmo, incidiu en que "en pouco tempo" disporán dun repertorio preparado "ao alcance de todos os coros de Galicia" comparou a vida cunha "polifonía" na que "se"poden escoitar todas as voces" cando están ben interpretadas.

"UNHA GOTA HISTÓRICA"

O alcalde de Celanova, José Luis Ferro, agradeceu que o certame colla o seu nome do "fermoso verso" que Curros dedicou a Rosalía de Castro, incidindo na vontade da localidade para que os nenos e os mozos acudan a visitar a patria natal de Curros e a Casa dos Poetas.

O evento tamén conta coa colaboración de Vegalsa-Eroski que, en palabras do seu director de Relacións Institucionais, Javier González, agradeceu poder reafirmar a súa "identidade cultural" e o seu compromiso con Galicia, que exemplificou nos millóns destinados a adquirir produtos galegos, a aposta da comunicación en lingua galega ou a colaboración na difusión do Día das Letras Galegas.

Finalmente, o titular de Educación e Cultura, Jesús Vázquez, destacou a "boa acollida" da primeira edición do certame, celebrada en Bonaval en 2013, que busca achegar "ás xeracións máis novas" as grandes figuras da literatura galega, poñendo "de actualidade" a obra de Curros.

De feito incidiu en que tanto a obra de Rosalía como a do poeta de Celanova reflicten "a realidade do seu tempo" e "transcenden á súa época", resultando "fundamentais" na formación de todos os galegos.

Así, agradeceu o traballo e o "esforzo" dos mozos e os profesores participantes, que verán nesta actuación a "recompensa a ese traballo" ao engadir "unha gota histórica" en honra á figura de Curros Enríquez

Te puede interesar