Los nuevos alcaldes de la provincia de Ourense

Pérez Valado: "Estamos agradecidos e orgullosos que os veciños visen o traballo feito, a autovía sería a guinda"

Facilitar o acceso á vivenda e reforzar os servizos sociais son dous obxectivos prioritarios do alcalde para loitar contra o despoboamento

José Antonio Pérez Valado dirixirá sen oposición os vindeiros catro anos o goberno municipal de Verea. Os nacionalistas acadaron sete dos sete edís con representación na Corporación nas pasadas eleccións do 28M despois de gobernar, estes últimos catro anos, en coalición co PSOE.

Antes das eleccións xa había o comentario de que iades a acadar bos resultados, esperaban este pleno de sete de sete?

Non, nunca se espera un resultado dun pleno. Basicamente porque hai outras forzas políticas que se presentan tamén. Polo tanto, nunca crees que vas quitar todos os edís.

Despois dunha década de goberno do Partido Popular, no  2019 acadaron vostedes a maioría para gobernar con apoio do PSOE, e agora o farán en solitario, como se explica ese cambio?

É a grandeza da democracia. A xente vota, e vota en clave de cousas que se fan. Se ve que valoraron o traballo que fixemos, fixémolo con toda a nosa boa intención e parece que a xente o viu e deunos o seu apoio masivo. Estamos encantados e super agradecidos coa veciñanza. E orgullosos da nosa veciñanza, que sexa capaz de ver iso.

Verea pertence ao partido xudicial de Bande e, a vosa, foi a única candidatura do BNG que se presentou en todo o partido xudicial… como ve a situación?

Neste momento non estou en ningún órgano orgánico do BNG, pero si son militante do BNG. Non estou contento, no sentido de que non haxa ningunha candidatura na Baixa Limia. Supoño que será froito de gobernos constantes de sempre os mesmos e a xente tamén se aborrece. E por iso, a oposición é importante tamén apoiala, é precisa tamén. E o digo eu que acabamos de ter sete concelleiros. Eu espero que, de aquí adiante cara os vindeiros catro anos, se consiga consolidar algunha candidatura, porque hai xente na zona vinculada co bloque.

E a nivel provincial, como ve a situación da Deputación de Ourense?

E moi difícil facer unha valoración neste momento, iso saberano catro ou cinco persoas. Eu o que si pediría que, fose o resultado que fose, se pensase na veciñanza. Que non se tivese en conta tanto de que forza política fosen -e isto o digo sen saber de que lado vai ir a Deputación- e que os recursos se repartan proporcionalmente en base a uns criterios: número de habitantes, núcleos de poboación, quilómetros cadrados… Que se estableza un criterio único para todos os concellos e que todos saibamos que todos os anos vamos ter unha cantidade de cartos para facer cousas. E logo cada concello que decida de que maneira quere administrar eses cartos, que o Concello teña a soberanía para  ver as necesidades. E non esta discriminación que se ten visto ata agora.

Como se plantexan estes catro anos sen oposición no Concello? Cales serán as diferencias con respecto a fai catro anos?

Tampouco haberá moita diferencia. Tras acadar unha maioría suficiente para gobernar, a oposición tampouco é malo que a haxa. Loxicamente, preferimos estar todos da casa, pero non é algo que nos preocupe en exceso.

Haberá cambios, reorganización do grupo de goberno?

Si, haberá cambios. Agora somos máis xente, hai máis en quen delegar e canta máis xente, máis fácil é todo.

Cales serán os eixos para os vindeiros catro anos?

A diferencia con fai catro anos é que daquelas tiñamos todo por facer, agora xa temos cousas empezadas. Os perímetros dos núcleos están feitos, limpos e en moitos casos xa están os propios gandeiros a levar a cabo esa limpeza. O transporte municipal témolo feito e en marcha. Hai moitas cousas que hai que mantelas, pero nós nunca renunciamos a novos proxectos.  Os servizos sociais hai que reforzalos un pouquiño. E logo o tema de vivenda. Temos  moitas chamadas de xente que lle gustaría vir vivir aquí, que pregunta por casas, por alugueres de casas que sexan habitables, asequibles. E temos ese problema. O tema de vivenda é un dos obxectivos deste mandato para seguir incrementando poboación.

Verea é un concello rural, falou da gandeiria, pódese recuperar e convertirse no motor económico do concello?

De feito estase recuperando. Hai novos gandeiros, xente nova que está a recuperar o sector. Esa é unha posibilidade. Non todo o mundo pode vivir da gandería, pero é un dos motores da economía do noso concello. 

Aínda que Verea non é un concello con alto índice de incendios, iso axudaría no eido da prevención…

Efectivamente, é o que estaba dicindo antes. As limpezas perimetrais empezámolas nós, había moita maleza e agora hai herba, e iso xa o aproveitan os gandeiros. Esto é todo unha cadea.

Están preto de Celanova e ás portas do Xurés, que papel xoga o debería xogar o turismo no municipio?

Dende o Concello estamos a promocionar as rutas de senderismo que tenemos, unhas que fixemos e outras que había feitas: o Briñal, o Ruxidoiro, a ecuestre de Bangueses… Que proxectos temos? soñamos con que nos destapen a mámoa da Mota Grande, porque non ten sentido que esté enterrada. A ver agora co proxecto do campamento romano  que apareceu na serra con Lobeira e Portugal. Paixase, río, natureza,... eu creo que calquera destas cousas son un atractivo para vir a Verea de modo turístico,  pero tamén para vivir.

Cal é a situación económica do Concello?

É un concello saneado. Neste momento non debemos unha factura. Temos un promedio de pago de cinco días.

Eso os permitiu iniciar o proxecto da residencia, que prazos manexan para poñela en marcha? 

Ata agora fomos tirando de recursos propios, aínda que agora mesmo estamos cunha axuda da Deputación para o tellado; pero agora si precisamos que cheguen os fondos Next Generation. Presentamos unha solicitude para rematala, creemos que cumprimos con todos os requisitos, e esperamos que veñan eses 710.00 euros que faltan. Se chegan, rematarémola no que queda de ano e, o noso obxectivo, é que no 2024 puidésese poñer en marcha.

Ese sería un dos grandes obxectivos, teñen máis?

Hai certos proxectos que se están madurando, pero non creo que sexa convinte anuncialos, sería vender fume. O que si que temos en mente é promocionar o que se produce aquí: falo de carne, de productos de horta… 

Cales son as principais problemáticas do municipio?

O tema das fosas sépticas é un problema dende o momento en que todo se verte ao río, pero é o sistema que nos impuxeron. Non nos gusta, pero non depende da administración local. O único que podemos facer son labores de mantemento e que xa estamos facendo. Este ano asinamos un convenio coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Esa é unha problemática, pero hai outras: envellecemento, o que dicía antes de servizos sociais… É algo no que esperamos traballar.

En clave comarcal, levamos un ano de intensas reivindicacións para a prolongación da autovía AG-31 ata Portugal, que suporía para Verea abrir ese novo eixe?

Habería que pensar no conxunto da comarca pero, no que respecta a Verea, ao igual que o resto, sería a guinda que lle falta ao pastel. Temos unha boa comunicación con Ourense, e dende Ourense con toda a meseta, e a prolongación da AG-31  facilitaríamos esa mesma comunicación con Portugal. Estamos nun sitio privilexiado e fáltanos iso. Esperamos que sexa a autovía, o resto son parches.

Te puede interesar