POLÉMICA EN RAMIRÁS

Veciños de Ramirás condenan as ameazas ao edil do Bloque

Os panfletos contra a familia Meléndez suscitan o rexeitamento: "Iso vai máis alá do político" 

Os conflictos xurdidos no concello de Ramirás a raíz da decisión do grupo municipal do BNG de non pactar a formación de goberno co PSOE segue no centro das conversas entre os veciños do propio concello, pero tamén doutras localidades limítrofes, como é o caso de Celanova aínda que a tensión está a baixar nos últimos días, segundo reconece o concelleiro nacionalista Marcos Meléndez.

Aínda que a maior división radica entre os integrantes das listas socialista e nacionalista, tódolos veciños entran no debate sobre a pertinencia dos últimos acontecementos. Son moitos os que, sen querer identificarse, rexeitan o lanzamento dos papeis nos que se animaba a non consumir na gasolinera rexentada pola familia do concelleiro do BNG, Marcos Meléndez, porque "non só o atacan a el, senón que lle afectan a toda a familia" e iso "vai máis alá do político".

Algúns dos que manteñen esta opinión, entenden que, nun concello pequeno como é Ramirás, "a xente que ten negocios non debía meterse en política", se ben non por iso xustifican os insultos dirixidos ó nacionalista. Outros, pola contra, aseguran entender o que pasou calificando como "errada" a decisión de deixar gobernar ó PP, sen pronunciarse de xeito explícito sobre os panfletos.

Con todo, a crispación non chega a romper a relación de veciñanza e non vai máis alá das conversas. Propietarios de locais de hostelería actúan, en moitos casos, como testemuñas silenciosas que confirman esta realidade: conversas que acadan en certos momentos o rango de discusión si, pero sen chegar máis alá das palabras en tonos civilizados.

Aínda sendo así, os pormenores do conf licto trascenderon as "fronteiras" do concello de Ramirás, porque é na capital da comarca onde fan vida moitos dos seus habitantes e, por iso, tamén ata a vila de Celanova chegaron os polémicos panf letos. É doado escoitar falar do asunto nos establecementos comerciais da vila -algúns deles dirixidos por veciños de Ramirás-, onde as opinións son semellantes ás expresadas no epicentro da polémica, que resultou máis cruenta nas redes sociais.

Como adoita acontecer con certa frecuencia dende que internet serve de plataforma para as expresións máis diversas, foi neste "ring" virtual onde se cruzaron as acusacións máis fortes e os insultos máis explícitos, tanto contra Marcos Meléndez coma contra a súa familia. É deste xeito, como a aparente normalidade e a calma que non precede tormenta da vida real se ve lixada pola falta de autocontrol na vida virtual que fai tronar sen previo aviso. 

Te puede interesar