Reivindican o uso do galego na xudicatura CELANOVA

Unha vintena de xuristas galegos constitúen en Celanova a Irmandade Xurídica Galega

Os membros da Irmandade portaron unhas togas confeccionadas para a ocasión. (Foto: Jose Paz )
A vila de Celanova vistiuse onte a toga para converter o vello mosteiro benedictino no que tantos documentos xurídicos foron escritos ó longo da historia, na casa natal da ‘Irmandade Xurídica Galega’.
Celanova acolleu a creación da ‘Irmandade Xurídica Galega’, un colectivo constituido por unha vintena de maxistrados, xuices, fiscais e avogados de toda Galicia que ó longo da súa carreira profesional se teñen significado por tratar de normalizar o uso do galego na xudicatura.

O acto central tivo lugar no mosteiro e foi organizado pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, cuxo presidente, Xaquín Monteagudo, foi o encargado de abrir o acto de intervencións, para que logo o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, lle dese lectura á declaración de principios que posteriormente refrendaron, un por un, tódolos membros do colectivo que se com prometeron co proxecto asociativo portando unhas togas confeccionadas para a ocasión e que colocarán nas súas intervencións profesionais, facendo así unha declaración simbólica de pertenza a un colectivo que pretende demostrar que a xustiza pode exercerse en galego en tódolos seus ámbetos.

O prestixioso avogado e académico da Real Academia Galega, Xosé Luis Franco, e o ex-parlamentario Xosé Luis Rodríguez Pardo, fixeron as súas intervencións relacionándoas coa figura do ourensán Sebastián Martínez Risco, que ademáis de presitixioso xurista tamén exerceu como presidente da Real Academia Galega. En representación da administración civil galega, ademais do alcalde de Celanova, Antonio Mouriño, tamén estivo a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, e a delegada de Presidencia, Concepción Camiña.


Te puede interesar