Volver con todo o esplendor

Postos de artesanía tradicional no 2019.
photo_camera Postos de artesanía tradicional no 2019.
A decimonovena edición da romaría etnográfica retorna cunha pequena chiscadela cara aos médicos rurais 

Con todo o esplendor. É a forma como regresa Raigame, en Vilanova dos Infantes, no Concello de Celanova, no que será a decimonovena edición dunha romaría etnográfica que se empezou a celebrar no ano 2002 e que está declarada Festa de Galicia de Interese Turístico. 

A esencia das antigas romarías volve despois de dous anos sen poder facelo por culpa da epidemia provocada polo covid. A música, a artesanía e a gastronomía volverán tomar as rúas e prazas do burgo medieval este 17 de maio, Día das Letras Galegas, dedicado este ano á medicina rural. Arredor de setenta serán os postos, entre os artesáns dos distintos gremios, as tabernas e locais de comida. Non faltarán os grupos de baile e música tradicional. Asímesmo, na festividade do Día das Letras Galegas tamén está prevista a entrega do premio honorífico Adolfo Enríquez e unha nova convocatoria dos concursos de fotografía, micro-vídeos e investigación etnográfica, a través dos que se repartirán preto de dous mil cincocentos euros en premios. 

Os asistentes a festa poderán gozar de mostras de labores e oficios, de palilleiros, cesteiros, oleiros, zoqueiros ou zapateiros. Actuacións musicais, representacións teatrais ou proxeccións de cinema completan unha programación na que se instalarán igualmente postos de comida nos que o polbo, o pemento, a carne ao caldeiro e o churrasco serán os pratos principais. 

A organización pon o foco neste 2022 nos médicos rurais, na vella “medicina rural” (aquela na que a atención sanitaria era fundamentalmente ambulante ou a domicilio) que se perde na noite dos tempos e que se mantivo así ata practicamente a chegada da democracia. 

O papel dos médicos rurais, que todos temos asociados no imaxinario colectivo, á figura duns humanistas que cruzaban os camiños e corredoiras a cabalo para consultaren ós seus pacientes a domicilio, unido ó dás matronas que tanta vida axudaron a traer ó mundo en condicións sanitarias moi precarias xunto co resto de persoal sanitario que ó longo do tempo se foi incorporando á sanidade, serán os que centren as homenaxes desta edición, así como a exposición que tamén se adoita organizar con tal motivo. 

"Todo el empeño"

Vai ser esta a primeira romaría do Raigame para o alcalde de Celanova, Antonio Puga Rodríguez. “Estamos moi ilusionados, efectivamente o feito de non haber celebración en 2020 e 21 fai que esperemos a do 22 con moitas ganas de que chegue. Puxemos todo o empeño, as sensacións son moi boas, a afluencia vai ser importante”, adelanta.

Te puede interesar