Xosé Estévez: "Galeuzca ten sentido si queremos resolver os problemas das nacións periféricas"

Xosé Estévez.
photo_camera Xosé Estévez. (CEDIDA)
O historiador imparte este xoves unha conferencia sobre Xosé Velo e o Galeuzca. Será na Casa dos Poetas

A Casa dos Poetas de Celanova acolle hoxe ás 20,00 horas a conferencia “Xosé Velo e o Galeuzca de 1959 en Caracas”. Un acto organizado polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova que contará como poñente co profesor emérito da Universidade de Deusto Xosé Estévez.

Que é Galeuzca? 

Foi un movemento de unión e solidariedade das nacións de Galicia, Euskadi e Cataluña que reivindicaba ter autogoberno nalgúns casos, unha situación de estados federal ou confederal en outros e, no caso do 1959, obter directamente a independencia das tres nacións. O movemento constituíuse en 1923, polo tanto dentro de dous anos conmemorarse o seu centenario, e tivo distintos intres máis ou menos álxidos nos anos 1923, 1930, 1933, 1944-1945, 1953 e 1959, e a partir de aí, nada.

Cal foi o papel de Pepe Velo no Galeuzca?

Tivo un papel protagonista na fundación do Galeuzca en Caracas. Alí había persoeiros desligados dos partidos nacionalistas tradicionais por entender que non facían nada por derrubar o réxime franquista e existían movementos das tres nacións, entre os que estaba o galego Pepe Velo, que  o 31 de maio de 1959, publicaron unha declaración de sete principios nun ton claramente independentista. Mirando a documentación, nas datas previas ao pacto, está confirmado o papel protagonista de Velo na redacción dos sete puntos.

Qué pasou despois?

Ademáis de teórico, Pepe Velo foi activista e tomou parte dos comités de acción que posteriormente deron lugar a creación do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL), o movemento que liderou o famoso secuestro do navío Santa María no que estaría Velo. Vascos o cataláns non participaron directamente nese feito, pero si axudaron a sufragar os gastos ocasionados na preparación da estratexia e loxística do secuestro. Despois do ocurrido no Santa María, que sí tivo repercusión internacional, Galeuzca quedou esquecido, nun segundo plano.

Hoxe tería sentido un movemento así?

Claro que ten sentido. Si queremos que se resolvan os problemas das nacións periféricas, o máis lóxico sería apostar por un sistema federal ou confederal que era polo que apostaba Galeuzca e mesmo Castelao, ao menos iso penso eu.

Te puede interesar