Os Bolechas lánzanse a pola lingua inglesa nun novo curso

A popular familia creada por Pepe Carreiro será protagonista da nova aventura "One 2 Three"

Os Bolechas dan un paso máis na súa aposta por ofrecer novos contidos dirixidos ao público infantil nun formato que reúne diversión e aprendizaxe a partes iguais. Os irmáns lánzanse a aprender inglés e, grazas á Televisión de Galicia, os seus milleiros de fans poderán seguir as súas clases paso a paso e achegarse con eles á nova lingua dun xeito tan divertido como pedagóxico.

Os Bolechas "One 2 three" transcorre na clase dos Bolechas, de xeito que os nenos e nenas poderán seguir as leccións xunto cos irmáns e ir avanzando con eles na aprendizaxe. O profesor de inglés dos Bolechas é Miguel Guido, inglés nativo asentado en Galicia, licenciado en Filoloxía e actor cunha longa traxectoria en teatro e televisión que vai resultar unha auténtica revelación para os pequenos, especialmente na parte musical dos capítulos, posto que todos rematarán cunha canción relacionada co tema desenvolvido en cada un deles que porá a bailar e a cantar en inglés a todo o mundo.

A editorial Bolanda, creadora de todo o proxecto, destaca a capacidade prescritora dos Bolechas, capaces de chegar aos nenos e nenas galegos como poucos personaxes teñen conseguido, de aí a importancia de afondar en contidos de interese para a formación integral das nenas e nenos galegos.

Neste caso, destaca o feito de que se trate dun curso “que vai do idioma de Rosalía ao de Shakespeare sen pasar polo de Cervantes”, sinala a editora, que destaca tamén que o feito de que esté “avalado pola Universidade de Santiago de Compostela.

Trátase, en definitiva, de lograr “unha aprendizaxe natural do idioma, similar á que se fai coa lingua materna da man duns personaxes, Os Bolechas, que xa xogaron un papel determinante na aprendizaxe do galego como primeira lingua”.

Te puede interesar