O CGAC acolle a mostra 'Leccións de cousas' que percorre a traxectoria de Reixa a través de proxeccións audiovisuais

A exposición poderá verse dende este venres ata o próximo día 16 de outubro no museo compostelano
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle a exposición 'Leccións de cousas' que percorre a traxectoria do produtor cultural e artista Antón Reixa a través de oito video instalacións 'inéditas' e unha selección das súas intervencións 'máis relevantes' dos últimos trinta anos.

A mostra foi presentada en rolda este venres polo conselleiro de Cultura, Roberto Varela, o propio creador, Antón Reixa, e o director CGAC e comisario da exposición Miguel von Hafe, no museo compostelano no que permanecerá ata o día 16 de outubro.

Precisamente, na presentación, von Hafe explicou que a mostra se divide en dous apartados distintos. Por unha parte, preséntase no auditorio unha selección dos últimos trinta anos das intervencións 'máis relevantes' deste autor no universo audiovisual con pezas carismáticas como 'Salvamento e socorrismo (1985)' ou 'Ringo rango (1992)'.

Mentres que, por outra parte, se expón un conxunto de oito obras 'inéditas' nas que imaxe, palabra, e 'performance' se entrecruzan para formar un territorio 'neodadaísta' onde 'o irrisorio, o comentario político-social e unha especie de melancolía existencial se mesturan de xeito produtivo'.

'PROVOCADOR E SUXESTIVO'

Neste escenario, Roberto Varela cualificou a Antón Reixa de 'poeta capaz de reinventarse unha e outra vez, provocador ás veces e sempre suxestivo', un artista que 'contribuíu a renovar o panorama cultural de Galicia' co grupo 'Rompente' a finais dos 70' e que posibilitou que a comunidade se 'convertese en moi pouco tempo' nun dos 'grandes núcleos da vangarda e a experimentación de toda España'.

Segundo recordou, o activismo cultural de Reixa tivo os seus inicios no colectivo 'Rompente', que entre 1976 e 1983 se dedicou a unha 'intensa actividade poética', mostrando unha 'particular vocación' para a acción directa.

Deste xeito, asegurou que a poesía do artista, caracterizada por 'unha densidade urbana, inconoclásta e rompedora', marcaría o traballo de Reixa nas décadas seguintes como letrista dos resentidos e, dun modo máis estructurado, na súa vocación 'eminentemente literaria'.

Finalmente, o titular de Cultura sinalou o CGAC como o 'espazo máis axeitado para acoller esta exposición' e destacou a súa 'importancia' como 'instrumento de proxección das novas manifestacións de Galicia'.

Te puede interesar