Un ciclo de concertos impulsará o intercambio cultural árabe e galego

Un ciclo de tres concertos pretende que a música se converta nunha ponte cultural entre Santiago de Compostela e a cultura árabe.

A Fundación Araguaney, canda a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) preparou tres concertos, que baixo o nome 'Ghazal, música en liberdade' presenta tres dos mellores expoñentes da música árabe, que alcanzaron proxección internacional.

Segundo detallou Rosana Vilouta, responsable do evento da Fundación Araguaney, o primeiro concerto realizarase o vindeiro 23 de outubro no Teatro Principal e terá como protagonistas o grupo palestino de laúde Le Trío Joubran.

Para o segundo concerto, programado para o 17 de novembro, está prevista a participación de Fayçal Salhi: un músico alxerino, radicado en Francia, que recolle a esencia da música árabe, 'pero cun contexto máis europeizado'.

A terceira presentación será o 8 de decembro e contará coa participación do músico palestino Moneim Adwan.

'Creo que ter este conxunto de tres concertos en Santiago de Compostela é un verdadeiro luxo; non é só falar deste irmandamento entre Galicia e o mundo árabe, senón que independentemente diso se trata de artistas moi completos e cunha calidade brillante', expresou nunha rolda de prensa Juan Carlos Fernández, director da AGADIC.

Pola súa banda o conselleiro delegado de Cultura, Ángel Currás sinalou que a música constitúe unha linguaxe universal que transcende todas as barreiras lingüísticas, culturais e relixiosas e que este ciclo de concertos constitúe xa un referente para a cultura galega.

'Queremos agradecerlle desde a Consellaría de Cultura á Fundación Araguaney esta nova achega á cultura de Compostela, cuxa praza do Obradoiro foi nos últimos 800 anos un crisol de letras, de música, de arte e por suposto tamén de diálogo e de achegamento de culturas, que é o que pretende este proxecto que presentamos', puntualizou Currás.

A asistencia a calquera dos concertos debe facerse con invitación previa, que se poderán recoller de maneira gratuíta na sede de Amal, situada no hotel Araguaney, en Montero Ríos.

Te puede interesar