Cultura convoca a II edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura para dar a coñecer novos creadores

A Consellería de Cultura acaba de abrir o prazo de inscrición para participar na II edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura, que terá lugar en Santiago no mes de setembro e no cal 100 novos creadores poderán dar a coñecer o seu traballo e debater en torno á arte contemporánea durante seis días de convivencia.
Dirixido a artistas novos nacidos entre 1977 e 1994, o II encontro de artistas novos terá lugar entre o 9 e o 14 de setembro e a el poderán acceder licenciados ou estudantes de Belas Artes e todos aqueles que demostren ter unha traxectoria ou proxecto artístico.

Tal e como explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a intención deste encontro, que celebrou en 2011 a súa primeira edición, é apoiar aos mozos nos seus procesos de aprendizaxe, promover o seu labor creativo e impulsar a reflexión e o intercambio de coñecementos no ámbito da arte contemporáneo.

A Cidade da Cultura converterase, do 9 ao 14 de setembro en escenario de intercambio cultural grazas ao II Encontro de Artistas Novos, que convivirán durante os seis días no Monte do Gozo, realizasen debates e conferencias no complexo do Gaiás e tomarán contacto con infraestruturas culturais durante a celebración do evento.

ACTIVIDADES

Dentro do encontro, o centenar de participantes poderá coñecer de primeira man infraestruturas galegas relacionadas coa arte contemporánea como o CGAC de Santiago, o MARCO de Vigo ou o MACUF de A Coruña.

Así mesmo, poderán asistir a conferencias de artistas de recoñecido prestixio, como Carlos Maciá ou Jorge Perianes, e haberá lugar para o intercambio de ideas e os contactos con axentes do sector, como comisarios ou críticos.

Este ano incorporarase ademais a figura dos 'art followers', axentes do sector relacionados cos novos creadores, que estarán presentes no encontro. Finalmente, os participantes contarán cun 'foro aberto' onde poderán presentar de forma pública as súas creacións.

Aínda que a participación no encontro será gratuíta, os interesados deberán apuntarse a través dun formulario dispoñible na web www.cidadedacultura.org, achegando un proxecto cultural antes do 29 de xuño ás 15.00 horas. O 50 por cento das prazas estarán reservadas para artistas nacidos ou residentes en Galicia.

O nome dos seleccionados para asistir ao encontro, que non poderán participar na anterior edición, darase a coñecer o 20 de xullo.

Te puede interesar