Curros Enríquez e Pepe Velo, imaxes de arte en Celanova

O novo mural dedicado a Curros Enríquez, foto Piñeiro.
photo_camera O novo mural dedicado a Curros Enríquez, foto Piñeiro.

Achegarmos de visita esencial a Celanova “Contra o Esquecemento”, un plan, dende o talento e a memoria. Dúas recentes accións na abenzoada vila benedictina rosendiana capital literaria sen par poñen o foco nela: o dun mural dedicado Curros Enríquez e o busto en memoria de José “Pepe” Velo. Onte fíxoselle precisamente un acto de homenaxe especial con ofrenda floral nas Triguerizas, aniversario do seu cincuenta cabodano (+1972 / 2022), onde a súa imaxe faino presente dende fai un par de anos.

O MURAL DE CURROS

“Pucho” Casal firma o gran vinilo currosiano en branco e negro sobre a medianeira de cor salmón do edificio. Coa efixie do poeta de perfil, e o trevo da sorte na botoeira do traxe, no que loce sobre impresionado en letras capitais “Manuel C. Enríquez”“, un galano o de destacar o apelido da terra, a da súa nai, de Vilanova dos Infantes. Unha manchea de imaxes en relación, nas que non faltan libro e pluma, uns apóstolos catedralicios e a candea acesa, aceno á masonería, e ademais unha serie de estrelas de catro puntas fronte do rostro dunha vella con moño... todo elo, e máis, iconografía alusiva da súa biografía e escritos. Eis unha máis que interesante panoplia xurdida de José Martínez Casal, celanovés en Nova York, onde se formou como arquitecto e traballaba, máis coa mente sempre posta na terra natal até a súa morte en 2009. Así é que a súa memoria comeza a facerse visible. E acompañándoo está na parede Baldo Ramos, poeta e artista celanovés que vive e traballa fóra, que prestou a súa acaída caligrafía para enmarcalo cos versos finais do célebre poema de Curros dedicado a Rosalía trala súa morte en 1885, “Ai, dos que levan na frente unha estrela ! / Ai, dos que levan no bico un cantar!”.

UNHA ESCULTURA PARA PEPE VELO

Busto de Pepe Velo nas Triguerizas, foto Piñeiro.JPG_web

Loce no céntrico Parque das Triguerizas ao leste do claustro do poleiro, dedicado a IES no antigo mosteiro. A expresiva técnica do artista vigués José Molares Fernández (n. 1961) ponlle rostro ao celanovense José Velo Mosquera (1916-1972), quen morreu lonxe da terra da que tivera que fuxir en 1936, e trala cadea no cárcere da Coruña e a posterior fuxida cara Portugal co gallo dunha liberdade condicional en 1948, deu en vivir en São Paulo, República do Brasil. Aquí morreu no exilio este nacionalista galeguista e “destacado elemento da oposición ó réxime do xeneralísimo Franco”, segundo a prensa. A súa labor nas sociedades culturais de Venezuela e o seu importante rol na celebración do Primeiro Congreso da Emigración Galega en Buenos Aires, 1956, mais foi o seu protagonismo central no secuestro do trasatlántico portugués “Santa María”, con José Fernández e o capitán portugués Henrique Galvão en 1961, para chamar a atención internacional das ditaduras en España e Portugal. Por elo este realista busto en bronce desde comezos de 2020 sobre pétreo pedestal pulido e placa alusiva. Os poderes institucionais, a fundación Peña Novo e a asociación Amigos do Couto Mixto están detrás. Curros Enríquez e Pepe Velo, son bandeiras dun camiñar, un ronsel dende onte para hoxe.

Te puede interesar