O moañés Xosé Daniel Costas gaña o X Premio de Poesía de Novacaixagalicia

O moañés Xosé Daniel Costas resultou o gañador da décima edición do Premio de Poesía de Novacaixagalicia pola súa obra 'Monicreques', presentada baixo o lema 'Procurando que as súas pernas estean simétricas. Procurando que os seus cóbados estean simétricos. A miña nai di que sufro'.

Ademais de 12.000 euros, o gañador do certame, organizado pola entidade financeira e o Centro PEN de Galicia, recibirá como premio a publicación do poemario na colección 'Arte de Trobar'.

A decisión do X Premio de Poesía de Novacaixagalicia dérona a coñecer hoxe a representante da entidade financeira Paloma Vela e o presidente do Centro PEN de Galicia, Luis González Tosar, que exerceu tamén como presidente do xurado encargado de valorar os 71 orixinais presentados a concurso.

Formaron parte do xurado Emma Pedreira, gañadora da novena edición do certame; Ana Salgado, crítica literaria e directora da revista Protexta; o escritor Edelmiro Vázquez Naval, o artista plástico Antón Pulido e Xabier Castro Martínez, que actou como secretario.

Do traballo gañador destaca a 'aposta arriscada' por unha estrutura 'autenticamente nova', a súa teatralidade, ritmo e musicalidade 'singulares' e unha plasticidade que 'vai máis alá das imaxes' para construír 'un mundo poético e pletórico de modernidade' que non deixa de lado a tradición.

Te puede interesar