Profesor Enrique Gómez-Reino condecorado con Orde San Raimundo de Peñafort

Foto: EFE/Lavandeira jr
O catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Enrique Gómez-Reino recibiu esta mañá de mans do ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, a cruz da Orde de San Raimundo de Peñafort en recoñecemento á súa contribución ao desenvolvemento do Dereito.

Esta distinción é concedida a funcionarios da Administración de Xustiza, profesionais deste ámbito e autores de publicacións de carácter xurídico que contribúen ao desenvolvemento da Xurisprudencia.

Durante o acto de entrega do recoñecemento, Caamaño deulles as grazas en nome de todos os mozos galegos, aos mestres da Universidade 'por esa ventá de oportunidades' que lles permiten asegurarse o futuro.

'Grazas querido Enrique, por moitas leccións que recibín de ti como doutros tantos profesores da facultade de Dereito; que son leccións nas que un aprende o tema, pero despois, por detrás, aprende moitas outras cousas', manifestou Caamaño.

O ministro referiuse á sociedade de coñecemento como a alternativa de futuro e indicou que o coñecemento é o valor máis democrático que existe e será o indicador de riqueza dun país.

'En momentos como este, nos que ten que haber axustes orzamentarios sen dúbida, penso que non hai decisión máis estúpida dun gobernante, que recortar, que axustar en exceso nos ámbitos de educación, de universidade e en xeral do coñecemento; porque xogamos xustamente nese sector o noso futuro', manifestou.

O reitor da USC, Juan Casares, agradeceulle ao Ministerio de Xustiza a concesión desta distinción a Gómez-Reino, que 'demostra o traballo feito ao servizo público, ao servizo de todos os que constituímos esa gran comunidade que é o noso país, España', dixo.

Pola súa banda, Gómez-Reino expresou de maneira moi sucinta a súa gratitude polo título da cruz distinguida da primeira clase da Orde de San Raimundo de Peñafort e indicou que esta constitúe a continuación da medalla que recibiu unha 'saga familiar'; pois o seu avó e o seu pai tamén foron condecorados coa mesma Orde.

'Grazas por esta condecoración que me outorgaron ao final da miña vida académica', expresou.

Gómez-Reino foi catedrático de Dereito Administrativo na USC, aínda que antes o foi na Universidade Complutense de Madrid, onde culminou os seus estudos universitarios.

Ademais foi un recoñecido investigador no mundo dos medios e varios dos seus proxectos enfócanse nas telecomunicacións e na regulación da televisión.

Tamén foi autor dunha longa lista de libros sobre Dereito Administrativo, foi asesor do goberno do ex-presidente do Brasil Luiz Inacio Lula da Silva.

Te puede interesar