A bolboretiña do día | Refráns de xuño

Como forma culta, xuño aparece moi pouco nos refráns, e é forma mala de rimar. Si. Mes de transplante de colmeas: “O enxame en xuño, aínda que caiba nun puño”, e de sega “En xuño, fouce no puño”.  Coa denominación popular do mes de San Xoán, ou simplemente San Xoán, hai centos deles. Falan, coma sempre, do tempo, dos labores agrícolas e da sazón dos produtos. “En San Xoán, as nove con día dan” -non se inventara o de cambio de hora-, “Auga en San Xoán, tolle o viño e non dá pan”.  Coñecemos todos “Polo san Xoán a sardiña pinga no pan”, pero tamén os hai  máis exquisitos:  “O arroz, o peixe e o viño cómense polo San Xoanciño” ou “O coello polo San Xoán e a perdiz polo Nadal”. Contra a fin de mes, hai que segar: “Polo San Xoán, bótalle a fouciña ao pan e en Santa Mariña (7 de xullo) da meda fai fariña”. Tamén hai algún moi recente, como o que di “No mes de San Xoán, chegan os emigrantes, e alá polas Dolores (15 de setembro)  só quedamos os de antes”. Certo.

Te puede interesar