PENTACAMPEÓN

Gómez Noya: "Aínda non son consciente do que conseguín"

635785212797284191w
photo_camera El triatleta Javier Gómez Noya, a su llegada al aeropuerto de Peinador. (FOTOS: SALVADOS SAS).

Gómez Noya foi recibido por ao redor dun centenar de persoas no aeroporto de Peinador

Javier Gómez Noya, pentacampeón mundial de triatlon, afirmou este martes, á súa chegada ao aeroporto vigués de Peinador, que aínda non é "consciente" do seu éxito, tras converterse o pasado sábado en Chicago no primeiro deportista en lograr cinco títulos mundiais deste deporte.

"Aínda non son consciente ao cento por cento do que conseguín. Estás tan inmerso na competición, no teu rendemento de facelo o mellor posible, que non pensas tanto no que supón o que estás a conseguir. Co paso do tempo entenderei un pouco mellor as cousas", declarou aos xornalistas no aeroporto.

Gómez Noya foi recibido por ao redor dun centenar de persoas, entre os que se atopaban o presidente da Federación Galega de Triatlon, Óscar Surís, o triatleta Pablo Dapena e un grupo de nenos, cos que se deixou fotografar.

"Estou contento de volver a casa despois de tanto tempo e moi feliz polo resultado, por como foron as competicións, non só esta última senón tamén as anteriores. Levo moito tempo sen ir pola casa e xa teño ganas de desconectar un pouco", comentou o triatleta.

Gómez Noya non agocha que o seu gran obxectivo para a próxima tempada será a medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Río 2016, o único metal que lle falta por gañar na súa carreira deportiva, tras terminar cuarto en Pequín 2008 e segundo en Londres 2012.

"Os Xogos Olímpicos serán o gran obxectivo do próximo ano. A miña planificación irá enfocada a esa carreira", apuntou o triatleta, quen dixo que non lle quita o sono non ser galardoado co Premio Princesa de Asturias.

"Gústame máis gañar Mundiais e carreiras que eses premios, que ao final non dependen dun mesmo. Dependen dun xurado que é o que o outorga, eu o único que podo facer é competir o mellor posible", reiterou.

Preguntado con cal dos cinco mundiais que gañou queda, Gómez Noya respondeu que "co primeiro e este último".

"O primeiro porque é co que soñas cando es máis pequeno, e o quinto porque é o que xamáis te podes imaxinar".

Te puede interesar