O aeroporto de Santiago perde un 18% de pasaxeiros, mentres que Vigo cae un 11% e A Coruña un 1,9%

O aeroporto compostelán de Lavacolla rexistrou durante o mes de outubro un total de 174.456 pasaxeiros, o que supón unha diminución do 18,5 por cento con respecto ao mesmo mes do ano anterior. Aínda que máis moderados, os aeroportos de Vigo e A Coruña tamén caeron neste índice un 11,4 e un 1,9 por cento.
En concreto, o aeroporto de Peinador rexistrou durante o mes de outubro 70.413 pasaxeiros -un 11,4 por cento menos- e polo de Alvedro pasaron 81.852 persoas -un 1,9 por cento menos-.

No relativo ao número de operacións, en Lavacolla caeron en outubro un 11,9 por cento, até as 1.577. En Vigo, pola súa banda, diminuíron un 28,9 por cento, até as 875; e na Coruña baixaron un 6,6 por cento, até as 1.247. No apartado de mercadorías transportadas, estas creceron un 44,2 por cento en Santiago e baixaron en Vigo -un 25,3 por cento- e na Coruña -un 25,7 por cento-.

Desde inicio de ano e até outubro pasaron polo aeroporto de Santiago un total de 1.903.475 persoas, un 10,6 por cento menos que no mesmo período do ano anterior. No aeroporto da Coruña rexistrouse un 16,9 por cento menos de pasaxeiros -721.544- e no de Vigo baixaron un 14,5 por cento nos primeiros 10 meses do ano, até os 719.780.

Te puede interesar