O ANUNCIO DE RAJOY

Os 'mileuristas' galegos aforrarán 79 euros anuais coa exención do IRPF

A medida afectará a uns 26.700 galegos, entre asalariados e pensionistas con ingresos brutos entre 11.121,2 e 12.000 euros anuais.

Os Técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha) estiman que a ampliación do mínimo exento do IRPF ata 12.000 euros brutos anuais suporá unha perda de recadación de 2,1 millóns de euros en Galicia e representará un aforro medio de 79,1 euros anuais para cada 'mileurista' da comunidade.

A medida afectará uns 26.700 galegos, entre os que Gestha inclúe asalariados e pensionistas con ingresos brutos entre 11.121,2 e 12.000 euros anuais, que son os que actualmente tributan

Por provincias, os técnicos estiman que os contribuíntes afectados en A Coruña serán 10.590, o custo para as arcas do Estado será de 708.708 euros e o aforro para cada 'mileurista', de 66,92 euros anuais.

En Lugo serán 3.329 persoas, polas que se deixarán de ingresar 310.270 euros e que deixarán de pagar 93,21 euros anuais. En Ourense serán 3.406 contribuíntes, que terán unha rebaixa media de 116,36 euros, co que as arcas públicas deixarán de percibir 396.278 euros. Por último, en Pontevedra serán 9.397 os afectados, 699.438 os euros que se deixarán de ingresar por parte de Facenda e 74,43 euros anuais os que aforrará cada 'mileurista'.

En toda España, os técnicos de Facenda calculan que a ampliación do mínimo exento suporá unha perda de recadación de 19,7 millóns de euros para as arcas públicas, o que implicará un aforro medio de 49 euros ao ano para cada 'mileurista'.

Nun comunicado, Gestha explica que a medida podería afectar case 402.000 persoas se se inclúen asalariados e pensionistas. Aínda que o número de asalariados e pensionistas que perciben rendas inferiores aos 12.000 euros ascende a 12 millóns, non todos se verán afectados pola nova medida porque a gran maioría --os que gañan menos de 11.121,2 euros ao ano-- non tributan nada a Facenda dende 2010.

Os técnicos recordaron que actualmente moitos colectivos están exentos do pagamento do IRPF, como son os pensionistas de máis de 75 anos que realizan a declaración individual ou as parellas con dous fillos que presentan a declaración conxunta, casos nos que o mínimo exento supera os 12.000 euros brutos anuais.

Segundo o secretario xeral de Gestha, José María Mollinedo, o anuncio fiscal estivo envolvido en "certa ambigüidade e confusión", polo que haberá que estar pendentes do que finalmente se aprobe na reforma fiscal, xa que o Goberno non descarta elevar os mínimos persoais por fillos e ascendentes.

Te puede interesar