Fíxose co 44,/% de Novagalicia, así como parte das que seguían en poder da familia fundadora

Un banco venezolano merca as accións de NCG no Etcheverría

Francisco Botas, conselleiro delegado, e Javier Etcheverría, presidente de Banco Etcheverría. (Foto: ARQUIVO)
O banco venezolano Banesco adquirirá o 44,7% que Novagalicia ten no Banco Etcheverría, así como unha parte das accións que a familia fundadora conserva da entidade de Betanzos. Aínda que as partes non concretaron a porcentaxe final coa que se fará Banesco, fontes do Etcheverría explicaron que o acordo inclúe 'a compra de accións en xeral', entre as que están as de NCG Banco, que ata o momento compartía a súa condición de accionista con varios membros da familia Etcheverría, que, en suma, controlaban máis da metade dos títulos.
A alianza permite á entidade venezolana entrar no mercado español, nunha operación na que os socios prevén a apertura de 50 sucursais e a creación de 200 empregos en Galicia.

Nun comunicado, Banesco e Etcheverría confirman a súa 'alianza', que fora avanzada polo presidente da entidade venezolana a través da súa conta de twitter. Javier Etcheverría seguirá como presidente do banco nacido en Betanzos en 1717, mentres que Francisco Botas se manterá como o conselleiro delegado e liderará o novo proxecto, á fronte do seu actual equipo.

'O modelo de xestión e os resultados dos últimos exercicios permitiron ao Banco Etcheverría abordar un proxecto que pretende liderar o mercado financeiro galego, co obxectivo de potenciar o financiamento de particulares e pymes de Galicia,', asegura a nota.


CASE QUE 300 ANOS

O Banco Etcheverría naceu en 1717 en Betanzos. O seu fundador foi Juan Etcheverry, de nacionalidad francesa, que se estableceu naquela vila coruñesa. Alí fundou o banco e unha fábrica de curtido de peles. Os seus herdeiros continuaron o negocio bancario, que españolizou o seu nome e logo e sempre estivo controlado pola familia Etcheverría. En 2002 a daquela Corporación Caixa Galicia fíxose con 37% do mesmo, que logo pasaron a de NCB Banco.

Etcheverría ten 38 oficinas en Galicia e o acordo logrado con Banesco Grupo Financiero internacional supón a entrada no conxunto de accionistas do 'primeiro banco privado de Venezuela' e 'inclúe a compra do 44,7% que posúe actualmente NCG Banco'.

'A alianza prodúcese para acelerar o crecemento do Banco Etcheverría en Galicia, coa apertura de 50 oficinas e a creación de ao redor de 200 postos de traballo na Comunidade,', indica o comunicado, que defende o modelo 'baseado na banca tradicional e o crecemento sostido' que 'levou ao banco a dar un salto cuantitativo relevante en 2012'.

Así, o Banco Etcheverría destacou que en 2012 logrou un incremento do 35% na marxe de explotación, que ten unha liquidez superior ao 20% e que o crecemento en número de clientes 'é moi elevado, por enriba do 20%'. Entre xaneiro e novembro de 2012, os novos clientes ascenderon a máis de 10.000, expuxo.

Así mesmo, apunta que este ano captou 625 millóns de euros para as emisións de renda fixa da Xunta, o que o converte no 'principal colocador do período'. 'Coa entrada de Banesco, a entidade atrae a Galicia a un dos principais investidores hispanoamericanos', subliña.

Respecto a esta operación, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo non ter datos e pediu esperar a ter a información completa antes de dar unha opinión. Preguntado tralo consello da Xunta, indicou que 'bancos amplían capitais, outras veces fan compras ou vendas'. 'Agora é un dos bancos que máis débeda pública colocou e que máis débeda pública galega colocou nos últimos anos, -é unha entidade- que nos interesa moito con respecto a Galicia', agregou.

Te puede interesar