O BNG promoverá unha 'auditoría social' e advirte de que o rescate se vai pagar a escote entre todos'

Guillerme Vázquez considera que Novagalicia Banco 'cada día parece que ten peor futuro' e critica que Feijóo 'estea calado'
O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, expresou a 'máis profunda preocupación' polo rescate á banca española e avanzou que o Bloque promoverá unha 'auditoría social' en caso de que 'neguen' unha comisión de investigación parlamentaria co fin de 'explicar á xente o que sucedeu'.

En rolda de prensa, tras unha reunión da Executiva Nacional do BNG, Vázquez rexeitou a 'idea de felicidade absoluta' que transmite o presidente do Goberno ante a situación. 'A pesar do que diga Mariano Rajoy este rescate que se acaba de tomar si vai ter consecuencias para a maioría social, para o pobo, en forma de novos recortes e do aumento de impostos, diga o que diga o PP', advertiu.

'Iso que lle chama Rajoy liña de crédito ímolo pagar a escote entre todos', afirmou Guillerme Vázquez, quen insistiu en que o BNG se 'nega a aceptar' o 'grande engano que está a poñer en marcha o Partido Popular', que 'volve utilizar a mentira masiva como arma política'. 'É inaceptable', abundou.

Vázquez explicou que para levar a cabo esa auditoría social que promoverá o BNG en caso de que non hai comisión de investigación levará consigo a 'constitución de grupos de xente vinculada ao mundo económico' para que 'investiguen o que poidan e transmitan á sociedade as súas conclusións'. 'Animamos a sumarse a todas as persoas que poden achegar luz e taquígrafos sobre esta situación', sinalou.

Neste sentido, o voceiro nacional do BNG sinalou, 'máis alá de que falta por coñecer a letra pequena e saber en canto avalían o burato da banca esas chamadas consultoras independentes', que ese diñeiro se presta ao Estado, a través do FROB, e 'vai ser débeda pública'. 'Si vai haber intervención da troika, si vai haber control; e implica esta decisión perda de soberanía do Estado español, de soberanía fiscal', apostilou.


'BURBULLA DA DÉBEDA ESPECULATIVA'

'Cuestionamos este modo de actuar porque este rescate non vai resolver o problema dos bancos, o único que vai facer é alimentar a burbulla da débeda especulativa, e non vai garantir que esa banca, unha vez saneada, vaia dar crédito ás empresas nin a particulares', manifestou Guillerme Vázquez, quen sostén que 'vaia afondar no desastre económico e social'.

Sobre o papel do presidente do Goberno e do PP, recalcou que o Executivo 'en seis meses faltou á súa palabra'. 'Demostrou facer xusto o contrario ao que di un día ou do que prometeu nas eleccións'. 'Pasou do emprego o primeiro á banca o primeiro', reprochou Vázquez. 'Parece lamentable que un señor presidente do Goberno minta, porque mente cando fai a afirmación ao respecto de que é un éxito o rescate ou que non vai ter consecuencias para a maioría da poboación', engadiu.

Tamén criticou que o presidente do Goberno 'non dá a cara' ata que se viu 'forzado a comparecer exclusivamente pola presión social e mediática' tras o anuncio do sábado, 'ao mesmo tempo que non se priva de asistir nesta situación a partidos de fútbol'. 'É un papel lamentable', resaltou.


'FEIJÓO CALADO'

En canto a Novagalicia Banco, que 'xa tiña unha situación ben difícil', para o BNG con 'este rescate e as esixencias que Europa pon enriba da mesa, cada día parece que ten peor futuro'. Por iso, volveu reivindicar unha banca pública galega 'como saída'.

'Chámanos a atención que o locuaz presidente da Xunta estea tamén calado, desaparecido estes días, sen dar ningunha aparición nin proposta acerca do que queda do aforro galego', sentenciou Guillerme Vázquez. Así, chamou ao PP e PSOE en Galicia a 'pronunciarse con claridade sobre esta saída'.

Deste modo, o BNG insiste en 'esixir' investigacións parlamentarias e xudiciais, 'transparencia acerca de por que se chegou a esta situación', dos 'que foron os responsables dende o punto de vista da xestión e dende o punto de vista político'. 'É inadmisible a estas alturas que non haxa ningún tipo de responsabilidade. Se hai que reformar o Código Penal, refórmase, porque aquí ten que haber responsabilidades e alguén as ten que pagar', dixo.

'É necesario un cambio de rumbo', avogou Vázquez, que reiterou que o modelo de Unión Europea actual está 'fracasado'. Tamén esixiu 'democracia' por 'moitas maiorías que se ten, decisións como estas que afectan á maioría social non poden pasar sen debate democrático'. 'Esiximos debate e referendo sobre esta cuestión', concluíu, e defendeu fronte a este modelo 'que leva ao desastre económico e social, que só cabe recuperar espazos de soberanía, capacidade de decisión para poder tomar algunha decisión favorable ás maiorías sociais.

'O BNG non participará neste engano, nin nesta cerimonia de confusión. Denunciaremos con todas as nosas forzas esta política lesiva, este rescate, que si terá consecuencias para a maioría social dende o punto de vista dos dereitos e dos seus salarios', manifestou Vázquez.

Por todo iso, o voceiro nacional do BNG anunciou que convocarán este martes, sobre as 20.00 horas, concentracións nas sete cidades galegas.

Te puede interesar