Castellano inicia co Banco de España a rolda de reunións para tentear perspectivas de futuro e a posible prórroga

A entidade aborda este xoves nun consello de administración a cantidade que achegarán os socios privados
O futuro presidente executivo de NCG Banco, José María Castellano, comezou esta mañá a rolda de reunións que manterá estes días (o venres é festivo en Madrid) co Banco de España, con membros da dirección do PP e responsables do Goberno central e da Xunta, co fin de presentar os compromisos logrados dos investidores e tentear tanto as perspectivas de futuro respecto ao sistema financeiro como a posibilidade de prorrogar o prazo da caixa para recapitalizarse.

O executivo galego mantivo un encontro con responsables do Banco de España, organismo que deu a súa autorización á segregación do negocio da caixa ao banco, pero co que a entidade aínda matiza o proxecto para que Novacaixagalicia consiga elevar o seu capital principal ata o 10%.

A entidade estudia atrasar a data límite para cumprir o obxectivo de recapitalización debido ás demoras acumuladas en trámites como o visto bo do Ministerio de Economía e Facenda e a Xunta e, en especial, a valoración da caixa encargada polo Banco de España.

Fontes do consello de administración de NCG apuntaron que 'ninguén' decide facer unha inversión sen coñecer o custo que lle suporá, e ese prezo virá fixado pola valoración que da entidade faga o regulador. Á vista destas circunstancias, insistiron que 'non queda máis remedio' que buscar máis tempo -a prórroga atrasaría o límite ata o 31 de decembro- para que os fondos de investimento que manifestaron a súa intención de entrar no proxecto se decidan.

Aos encontros, nos que tamén estarán presentes algúns destes fondos -a maior parte do diñeiro privado procederá previsiblemente de fondos estranxeiros- Castellano acode con compromisos de algúns de eles, así como a participación confirmada dos principais empresarios galegos, e con operacións de venda de activos e redución de activos ponderados por risco que rebaixan en entre 250 e 300 millóns as necesidades de capital da entidade.

O resto do diñeiro que precisa Novacaixagalicia procederá do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), que, de feito, fará a maior inxección de capital, e o prezo ao que o faga depende igualmente da auditoría encomendada a BDO.

CONSELLO DE ADMINISTRACIÓN

A entidade, que prevía ter todos os trámites resoltos esta semana e poder escriturar o banco o próximo luns, está pendente do resultado destas entrevistas e da alternativa da prórroga para redefinir o calendario.

En calquera caso, este xoves está convocado un consello de administración extraordinario da caixa -que será ás 12.00 horas en Vigo-, no que se analizará a reformulación do proxecto de capital, para definir qué parte do diñeiro procede de investidores privados e cánto achega o fondo público.

Fontes deste órgano sinalaron que, precisamente, neste cambio do proxecto pode incluirse a prórroga para pechar a composición dos accionistas.

Te puede interesar