As comunidades de montes cren que o modelo de desenvolvemento rural da Xunta é causa da onda de incendios

A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (OGCMV) instou este mércores a que o Parlamento de Galicia debata sobre as circunstancias que están detrás da onda de incendios forestais que, na súa opinión, responde ao modelo de desenvolvemento rural da Xunta.
Tras sinalar que, en primeiro lugar, o culpable dos incendios é 'o desalmado que lles prende lume', o presidente deste colectivo, Xosé Pereira, explicou que tamén hai 'outros culpables de que a devastación sexa tan tremenda' e apuntou que, a xuízo da súa organización, 'todos coinciden en cuestionar o modelo de desenvolvemento rural'.

Así, criticaron a redución das axudas que o Goberno autonómico destinaba ás comunidades de montes. Entre outras, explicaron, recortouse nun 50 por cento os fondos destinados a labores de prevención.

Segundo a organización galega de comunidades de montes veciñais as 'supostas proteccións' coas que se blindan determinados espazos naturais como a Rede Natura, ou mesmo os Parques Naturais, 'tampouco funcionan' e, como proba, apuntan ao recente incendio nas Fragas do Eume ou os anteriormente producidos en O Xurés, Manzaneda e O Invernadoiro.

'Cada vez hai máis grandes incendios', lamentou Pereira, ao tempo que asegurou que 'nos cinco días anteriores a que ardesen as Fragas do Eume houbo máis de 400 incendios'. 'O problema dos incendios hai que estudalo dentro do abandono do rural e o acceso a un desenvolvemento sostible', concluíu.

Te puede interesar