O Concello de Pontevedra aproba unha suba do 3% en taxas e impostos municipais

O Concello de Pontevedra aprobou este luns en pleno unha suba dun tres por cento en taxas e impostos municipais, co voto en contra da oposición conformada polos concelleiros do Partido Popular.
Durante a súa intervención, o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, preferiu falar de 'reaxuste' xa que, argumentou, estes tributos 'estaban conxelados dende o ano 2007 nuns casos e noutros dende 2008'.

Segundo explicou Raimundo González, o incremento do IPC cuantificado dende o ano 2007 é dun 11,5 por cento e dende o ano 2008 é dun 9,1 por cento. O IPC do último ano está cifrado nun 3,1 por cento.

'Durante estes últimos catro anos as empresas concesionarias que traballan para o Concello de Pontevedra foron cobrando as contías fixadas nos seus respectivos contratos pero sen o incremento do IPC fixado por lei. Estes incrementos fixéronse a custa das arcas municipais sen que o concello subira aos contribuíntes a parte proporcional nos seus recibos', dixo Raimundo González.

Neste período Cespa, a empresa concesionaria do lixo, tivo unha suba de 450.000 euros e a empresa Aquagest, concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento municipal, de máis de 500.000 euros.

Ademais, o Goberno local, seguindo co seu acordo de non rebaixar as atencións sociais, incrementa a partida de asistencia a domicilio de 700.000 euros a 1,1 millón de euros.

Fronte ás críticas do Partido Popular, o concelleiro nacionalista recordou que a suba aprobada non afecta a todos os impostos. 'Co propósito de favorecer a economía local e coa intención de rexenerar o emprego, o Goberno local non tocará as taxas e impostos relativos a este ámbito: apertura de establecementos, imposto de construción e IAE', sinalou.

O Goberno local recoñeceu que esta suba cubrirá só parte dos gastos xerados, cando menos, nestes conceptos, pero 'contribuirá a ir axustando os gastos e ingresos das arcas municipais, vitais para o futuro económico da cidade nos próximos anos'.

Te puede interesar