Será presentado en xullo e terá un horizonte de execución ata 2024

Fomento anuncia un plan de infraestruturas con 25.000 millóns para o AVE, máis de 8.500 deles para Galicia

A ministra de Fomento, Ana Pastor, presentará o próximo mes de xullo un novo Plan de Infraestruturas, Transportes e Vivenda (PITVI) que incluirá unha inversión duns 77.400 millóns de euros só para estradas e construción do AVE, cunha partida duns 25.000 millóns para investimentos, máis de 8.500 deles para Galicia, e contará con horizonte de execución ata 2024.
O plan terá tres vías de financiamento: as achegas presupostarias, os fondos europeos e a participación do capital privado, segundo detallou a titular de Fomento, que se comprometeu a primar o 'rigor dos investimentos' públicos.

Así, durante a súa intervención na Comisión de Fomento do Congreso, Pastor garantiu que todas as infraestruturas que promova o Ministerio terán a 'finalidade de mellorar a calidade de vida dos cidadáns e aumentar a produtividade do país'. 'O tempo das obras faraónicas, dos convenios sen diñeiro e dos aeroportos sen tráfico rematou', advertiu.

O novo PITVI substituirá os actuais, o Plan Estratéxico de Infraestruturas e Transportes (PEIT) e o Plan Estratéxico de Infraestruturas (PEI), e elabórase xunto con Facenda 'a partir do exame da situación actual e da valoración rigorosa das necesidades da sociedade'.

O GROSO, A ESTRADAS E AVE

Da inversión total, 52.403 millóns de euros destinaranse a estradas. Deste importe, 18.668 millóns empregaranse na construción de 3.500 quilómetros de novas vías de alta capacidade e outros 1.265 millóns á ampliación das existentes. O resto do presuposto deste capítulo dirixirase á rede convencional e a seguridade vial.

Do seu lado, o AVE contará con investimentos por 25.000 millóns de euros. A conexión a Galicia acaparará a maior partida, de 8.517 millóns de euros, o importe estimado por Fomento para concluír e poñer en servizo esta liña.

Así mesmo, a conexión por Alta Velocidade das tres capitais vascas, a denominada 'vasca', contará cun investimento de 4.323 millóns, o AVE a Extremadura 2.651 millóns de euros e o enlace a Asturias, 1.719 millóns máis.

En novo plan de infraestruturas considera ademais unha inversión anual de 450 millóns de euros para modernizar a rede ferroviaria convencional e outros 860 millóns ao ano para o seu mantemento, e outros 2.000 millóns de inversión en Portos do Estado.

Na súa primeira comparecencia no Congreso, Pastor manifestou a súa disposición ao diálogo co resto de administracións, cos axentes do sector e con todos os partidos políticos, aos que propuxo a consecución dun grande Pacto de Estado polas Infraestruturas e a Vivenda para consensuar unha axenda de actuacións nestas materias.

Te puede interesar