Hacienda ofrece un plan de rescate a 13 concellos galegos, entre eles dous ourensáns

O ministerio, que insiste en que se trata dun mecanismo de axuda e 'non de estigmatización', dá de prazo ata o 2 de xaneiro


O Ministerio de Hacienda e Administraciones Públicas está a animar a 314 concellos de todo o país, 13 deles en Galicia, a sumarse ao plan de rescate deseñado para os municipios con graves problemas financeiros e que na súa primeira fase xa contou con 88 adhesións. Para os que se apunten, ofrécese o apoio do Estado a cambio dunha vixilancia 'polo miúdo' de ingresos e gastos.

En concreto, na Comunidade galega son 13 as casas do concello con dificultades que recibiron o convite do ministerio, cinco deles na provincia de Pontevedra, tres en A Coruña, outros tres en Lugo e dous en Ourense.

Fontes do ministerio, que non desvela os nomes, insistiron en que non se trata 'dunha intervención' en sentido estrito porque se esixen unhas medidas a cambio de apoio, aínda que admiten que o control será estrito porque se axuda estes municipios 'co diñeiro de todos os españois'. 'É un mecanismo de axuda, non de estigmatización', insisten.

Trátase de concellos cunha deterioración financeira estrutural, de anos atrás, cun volume excesivo de débedas ou que non pagan as cotas do plan de provedores. Hai municipios que incumpren ata estas tres condicións, segundo as citadas fontes, que non desvelan nomes.

Hacienda ofrécelles ampliar prazos para devolver débedas (incluída a Seguridade Social e Hacienda), anticipos por período superior ao exercicio, menos retencións da súa participación nos tributos do Estado, autorización para converter ao longo prazo operacións a curto, entre outras.

A cambio, deberán reducir gastos pero tamén incrementar ingresos. As fontes de Hacienda aseguran que parte destes municipios teñen prezos públicos, taxas e impostos por debaixo da media e do seu ámbito e que deberán subilos. 'Non podes pretender ter unha presión fiscal baixa e que o conxunto dos españois che axude. Non é equitativo', aseguran.

Ademais, terán prohibido encadear prórrogas presupostarias (só se permitirá unha) e arríscanse a que Hacienda, para os casos máis graves, lles teña que dar o visto bo ás súas contas anuais. As mesmas fontes aseguran que algúns municipios presupostan ano tras ano mal, con exceso de ingresos, que non chegan, e menos gastos dos que realmente teñen.

Outra das condicións é a apertura dunha conta bancaria na que Hacienda os irá facendo ingresos e da que poderán ir obtendo diñeiro baixo estrita supervisión do Ministerio. É a condición imposta polos bancos para ampliar os prazos de devolución de débedas, aseguran as fontes. 'Queremos saber en que gastan o diñeiro. E o primeiro é pagar débedas', engaden dende Facenda.

O prazo para sumarse a este plan de rescate é o dous de xaneiro. Dende o departamento que dirixe Cristóbal Montoro sospeitan que algúns municipios se negarán a adherirse, por motivos políticos; as consecuencias serán a retención polo Estado da súa participación nos tributos e sancións, entre outras, as que a partir do un de xaneiro impón a Lei de Transparencia a quen gaste por enriba do presupostado.


REPARTIDOS POR TODO O PAÍS

Esta é a relación de provincias con concellos con dificultades: Albacete, 11 (9 pendentes de adherirse nesta segunda fase); Alicante, 13 (8 pendentes); Almería, 13 (3 pendentes); Asturias, 9 (8 pendentes); Ávila, 8 (7 pendentes); Badajoz, 11 (10 pendentes); Illas Baleares, 3, todos pendentes; Barcelona, 8, todos pendentes; Burgos, 6, todos pendentes; Cáceres, 10 (5); Cádiz, 14 (2); Cantabria, 2, todos pendentes; Castellón, 12, (11).

Cidade Real, 15 (14 pendentes); Córdoba, 3, todos pendentes; A Coruña, 3, todos pendentes; Cunca, 22 (20); Girona, 7, todos pendentes; Granada, 14 (13); Guadalajara, 17, todos pendentes; Huelva, 13 (5); Huesca, 7, todos pendentes; Jaén, 7 (1); León, 4, todos pendentes; Lérida, 13 (11); Lugo, 3, todos pendentes; Madrid, 17 (9 pendentes); Málaga, 9 (8 pendentes); Murcia, 8 (6 pendentes).

Ourense, 2, todos pendentes; Palencia, 2, todos pendentes; Las Palmas, 3 (2 pendentes); Pontevedra, 5, todos pendentes; A Rioja, 1 aínda pendente; Salamanca, 11 (9 pendentes); Santa Cruz de Tenerife, 3 (2 pendentes); Segovia, 2 pendentes; Sevilla, 13 (9 pendentes); Soria, 1 pendente de resolución; Tarragona, 8 pendentes; Teruel, 11 (10 pendentes); Toledo, 14 (11 pendentes); Valencia, 20 (18 pendentes); Valladolid, 1 pendente; Zamora, 6 (5 pendentes) e Zaragoza, 21 (14 pendentes).

Te puede interesar