O Porto de Vigo pechou 2011 con marca de cruceiros, ao recibir case 253.000 pasaxeiros de 118 barcos

As previsións para 2012 apuntan a un incremento no número de cruceristas e haberá 12 escalas inaugurais
O Porto de Vigo pechou o ano 2011 cunha marca histórica de cruceiros, ao recibir 118 barcos (un 5,4 por cento máis que o ano anterior), con case 253.000 pasaxeiros (un 7,2 por cento máis) e 97.885 tripulantes a bordo (un 8 por cento máis), segundo os datos que fixo públicos este mércores o presidente da Autoridade Portuaria, Ignacio López-Chaves.

Con este balance, a terminal viguesa sitúase no quinto lugar a nivel de España en canto a tráfico de cruceiros. Así mesmo, durante 2011 producíronse 9 escalas inaugurais e 19 escalas coincidentes -ocasións en que dous ou máis trasatlánticos estiveron atracados no porto olívico-.

López Chaves explicou que un 90 por cento dos cruceristas optaron por desembarcar en Vigo para coñecer a cidade, facer compras e desprazarse a outros lugares en diferentes excursións, como Santiago de Compostela, Baiona, Cambados, A Toxa ou Tui e Valença. No caso da cidade de Vigo, houbo máis de 165.000 visitas durante o pasado ano.

A chegada destes cruceristas -cun media de idade duns 60 anos, salvo en época estival, cando a idade descende, e maioritariamente británicos-, tamén se reflectiu noutras actividades económicas, xa que se contrataron máis de 1.200 autocares para as excursións, e máis de 1.600 profesionais do sector turístico subiron a bordo dos cruceiros para informar de actividades e ofertas.

PREVISIÓNS

En canto ás previsións para 2012, segundo apuntou López-Chaves, o Porto de Vigo prevé 108 escalas -das que 12 serán inaugurais-, que xa están pechadas, e entre 263.000 e 266.000 pasaxeiros -xa que os buques previstos teñen máis capacidade-. Entre os trasatlánticos que visitarán o porto estarán, de novo, o 'Independence of the seas' -on 25 escalas- , ou o 'Queen Mary II' -con dúas escalas-.

O próximo 30 de abril está previsto que coincidan na terminal viguesa catro trasatlánticos que, xuntos, suman 1.160 metros de eslora e máis de 11.500 pasaxeiros; e o 30 de setembro coincidirán o 'Independence of the seas', o 'Queen Mary II' -o segundo e o terceiro do mundo por número de pasaxeiros-, e o 'Costa Pacífico'.

Dentro das previsións de 2012 tamén se atopa a posta en marcha da obra do novo 'duque de Alba', para permitir o atraque de barcos no muelle de Comercio. Segundo Ignacio López-Chaves, esa obra podería estar rematada e operativa en abril ou maio.

Do mesmo modo, séguese avanzando na ampliación do muelle de Areal, onde se continúa coa operación de pilotaxe. Unha vez concluída esa fase, 'hai que facer o asentamento do terreo e as correspondentes probas' polo que, no mellor dos casos, a final de 2012 podería estar rematada unha parte.

Te puede interesar