LsBaixo o título “Separa para reciclar”, o xogo, editado en formato flash e accesible desde calquera navegador web, estará en breve a disposición de todos os interesados a través da páxina web de Sogama

Un xogo interactivo axudará a formar aos ususarios en clasificar os residuos

Un xogo interactivo de ordenador promovido por Sogama e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, contribuirá a formar aos usuarios na axeitada clasificación de residuos en orixe a fin de mellorar os niveis de selección na nosa comunidade e, en consecuencia, incrementar as taxas de reciclado, aínda por debaixo da media estatal e europea.
A presentación oficial desta iniciativa tivo lugar nas dependencias da Delegación da Xunta en Lugo, contando coa presenza do presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente, Luís Lamas, quen estivo acompañado polo xefe territorial de Medio Ambiente, José María López, e a xefa territorial de Presidencia, Marta Barreiro.

Baixo o título “Separa para reciclar”, o xogo, que en breve estará a disposición dos internautas a través da páxina www.sogama.es, foi editado en formato flash, accesible desde calquera navegador web, propiciando con isto a súa posterior difusión. O seu carácter formativo integra tamén unha importante dimensión lúdica, garantindo que, baixo o paraugas do entretenemento e a diversión, o usuario amplíe os seus coñecementos acerca do sistema de recollida selectiva instaurado nos municipios galegos adscritos a Sogama.

Unha vez rexistrado, o usuario poderá acceder a tres niveis de dificultade nos que se recrean escenarios ficticios de Cerceda, municipio coruñés no que se ubica o Complexo Medioambiental de Sogama, onde se centraliza unha gran parte do lixo xerado no territorio galego.

É no nivel 1 no que se contemplan precisamente as dúas fraccións de refugallos sobre as que esta Sociedade centra a súa actividade: o colector amarelo, destinado a acoller os envases lixeiros (envases de plástico, latas e briks) e que clasifica por tipoloxías para remitir aos correspondentes centros recicladores, e o colector verde xenérico, no que se debe introducir o lixo non reciclable, e que esta empresa pública transforma, con todos os requisitos medioambientais e para a saúde pública, en enerxía eléctrica.

O nivel 2 incorpora un terceiro colector, o azul, para a recollida de papel e cartón, e o nivel 3, un cuarto colector, o iglú de vidro. En ambos os dous casos, xestores autorizados designados polos distintos concellos son os encargados de garantir a súa posterior recuperación e reciclado.

Desde os bordes da pantalla irán aparecendo, de forma dispersa, diferentes residuos que se moven automáticamente e que o internauta deberá recoñecer de inmediato, arrastrándoos cara ao colector correspondente, o que lle obrigará a trazar o itinerario a percorrer por cada tipo de material, que poderá modificar sobre a marcha, se así o considera convinte. Ao chegar ao colector axeitado, o obxecto desaparece, sumando puntos ao marcador.

Dado que, de forma progresiva, os colectores iranse enchendo (extremo que poderá ser comprobado a través dunhas barras situadas á dereita da pantalla), o usuario deberá proceder ao seu baleirado, sendo a súa puntuación maior canto máis cheo estea o colector antes de evacuar os desperdicios recollidos no mesmo. Pero a preocupación do internauta non só estará concentrada en depositar cada residuo no seu recipiente, senón que terá que evitar que os obxectos que “voan” pola pantalla choquen entre si, para o que deberá debuxar percorridos sen riscos, poñendo a proba as súas habilidades.

Unha sección denominada “Tutorial” subministrará a información máis relevante a ter en conta polos xogadores en todo momento, explicando os mecanismos do xogo.

Te puede interesar