A Xunta crea o rexistro para organizacións de produtores de leite que integren un mínimo de mil granxas

Busca 'adiantarse' á normativa da UE que estableza a negociación destes axentes coas industrias
O Goberno galego aprobou o decreto polo que se regula o procedemento de recoñecemento e rexistro das organizacións de produtores de leite en Galicia, que deben integrar a un mínimo de 1.000 explotacións.

Con esta norma, a Xunta busca mellorar a posición negociadora dos gandeiros nas relacións contractuais que manteñen coas industrias.

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, valorou este acordo, tras a reunión semanal do Executivo, ao considerar que supón 'seguir dando pasos no ámbito das competencias da comunidade para intentar paliar a situación do sector lácteo'.

'O Goberno central deu un paso no ámbito da homologación de contratos tipo, pero é un paso incompleto e tímido, porque supedita a entrada en vigor do contrato homologado a que a Unión Europea aprobe unha normativa que aínda non aprobou', sinalou e citou, en contraposición a España, o caso de Francia, onde un decreto si impón a utilización de contratos homologados entre as partes.

O aprobado este venres, pola súa banda, ten como finalidade 'adiantarse' ao momento en que o regulamento europeo vexa a luz, para 'poder ter explotacións máis grandes, sólidas e con mais capacidade de negociación coa industria', incidiu Núñez Feijóo.

Seguiu nesta liña ao apuntar que 'cantas menos agrupacións e máis fortes, será mellor para o sector', co propósito de 'equilibrar' a negociación entre comprador e vendedor. 'A ver se somos capaces de sumar toneladas de leite para ter mellores prezos no mercado', abundou.

O texto establece que poderán ser recoñecidas como organizacións de produtores de leite todas aquelas entidades con personalidade xurídica propia, constituídas exclusivamente por produtores, que o soliciten e cumpran co obxectivo de concentrar a oferta e levar a cabo a comercialización da produción dos seus membros.

Ademais, deberán cumprir, polo menos, unha das seguintes finalidades: adecuar a produción á demanda, optimizar os custos de produción, proporcionar asesoramento ou servizo de subministración aos socios, realizar actividades que supoñan a preservación do medio ambiente ou a biodiversidade, mellor xestión da auga ou utilización de enerxías renovables.

O ente competente en canto á inscrición no rexistro será o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), órgano autónomo de carácter comercial e financeiro adscrito á Consellería de Medio Rural.

ADAPTACIÓN DE CURRÍCULOS, INDUSTRIA ALIMENTARIA

Por outra banda, o Consello deste venres deu luz verde á adaptación dos currículos dos ciclos de grao superior en procesos e calidade na industria alimentaria e de grao medio en elaboración de produtos alimentarios á Lei orgánica de educación e á das cualificacións profesionais.

Deste xeito, a Consellería de Educación destaca nun comunicado que 'contribúe ao impulso' deste sector, 'formando a uns titulados nun perfil profesional que favorecerá a innovación e competitividade deste sector produtivo de gran importancia para Galicia'

Te puede interesar