CASO NÓOS

AGE e BNG piden que se trate á infanta igual que ao resto de cidadáns

O PPdeG pediu que se deixe actuar á Xustiza e o PSdeG limitouse a recordar o carácter "xerárquico" da Fiscalía

AGE e BNG reclaman que a infanta Cristina sexa tratada igual que o resto de cidadáns ante a Xustiza e que, deste xeito, non se produza ningún tipo de "discriminación positiva" por ser a filla do Rei Juan Carlos.

Mentres, o PPdeG pediu que se deixe actuar á Xustiza e o PSdeG limitouse a recordar o carácter "xerárquico" da Fiscalía e que, en todo caso, será o xuíz o que deberá tomar en consideración ou non a proposta do Ministerio público.

Na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces, a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, considerou que era a "morte anunciada" (nun paralelismo con 'Crónica dunha morte anunciada'), e cualificou de "escandaloso" que se produza esta exculpación, algo que, engadiu, "vai ter consecuencias".

Díaz referiuse a que o xuíz Castro ha traballo neste caso "nunhas condicións difíciles" e advertiu de que "non é comprensible para a cidadanía o trato desigual". "É evidente que hai unha xustiza para uns e para outros", manifestou.

Ademais, a vicevoceira de AGE, avogada de profesión, e que asegurou que ela "nin defende nin culpabiliza", censurou que o Goberno central pretende "mesturar todo" na lei de axuizamento nova, querendo limitar a seis meses a instrución dos casos de corrupción. "En seis meses é imposible sustanciar unha instrución", avisou.

Pola súa parte, o voceiro do Grupo do BNG, e a falta de coñecer a noticia con maior profundidade, expresou que "non debe haber ningún trato discriminatorio, neste caso positivo, cara á infanta con respecto a outro calquera cidadán".

Jorquera opinou que "hai múltiples indicios de que coñecía a actividade do seu marido e debería sentar no banco, como sentaría calquera outro cidadán, se se desen as circunstancias".

PSdeG E PPdeG

Preguntado tamén por este caso, o voceiro parlamentario socialista sinalou que o xuíz é o que decidirá se "acepta ou non" o posicionamento da Fiscalía, a proposta emitida da cal "aparentemente" ten a intención de "exculpar na medida do posible un membro da Casa Real".

Dito isto, recordou que a Fiscalía é un "órgano xerárquico" e que "actúa con suxeición ao principio de xerarquía e a cúpula está nomeada polo Goberno". "O relevante, é que a decisión última a debe tomar o xuíz instrutor", remachou.

O voceiro do Grupo Popular, polo seu lado, declinou "entrar no xogo doutros voceiros políticos" e en como pasaron de "considerar (a un fiscal) un heroe da persecución a ser obediente".

"Non vou entrar nese xogo", incidiu, tras considerar que o Ministerio Fiscal está a "ser extremadamente exquisito". Así, considerou que "hai que deixar traballar á Xustiza".

Te puede interesar