A Xunta admite que 'puido haber un erro' no incendio de Bande, polo que foron imputados dous técnicos

Advirte que houbo 'unha aceleración instantánea' dos focos de incendio na provincia de Ourense e defende as queimas controladas
O director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, admite que 'puido haber un erro' no incendio forestal declarado en Bande o pasado venres a raíz do escape dunha queima controlada que realizaba a propia Xunta e polo que a Garda Civil de Ourense imputou un delito de incendio forestal aos dous enxeñeiros forestais da empresa pública Seaga que atopaban á fronte dos labores.

'Sempre cabe a posibilidade dun erro; porque non somos máquinas, somos persoas', subliña Fernández-Couto nunha entrevista concedida a Europa Press na que pide 'responsabilidade' á hora de pronunciarse sobre os dous técnicos.

'Independentemente dos ámbitos do Estado que teñen que decidir, paréceme que hai un mundo entre un persoal profesional que está a traballar para evitar eses incendios fronte ao incendio que se produce con intencionalidade de queimar', asevera o responsable galego do departamento de Montes, que depende da Consellería de Medio Rural.

A consellería que dirixe Samuel Juárez abriu unha investigación para esclarecer o acontecido en Bande 'ante as informacións cruzadas' sobre un escape de queima vinculada a unha posible neglixencia do Servizo de Montes.

Ante isto, Tomás Fernández-Couto sostén que 'os profesionais son os primeiros interesados en que as cousas saian ben', polo que reclama 'un pouco de responsabilidade á hora de facer manifestacións'.

'É un tema que agora se ha judicializado e demais', puntualiza, pero demanda ter 'en conta' a existencia de dúas 'casuísticas ben diferentes'. Así, expón que 'a situación importante nos incendios, na acción delituosa, é o dolo, que é a intención de queimar,', fronte ao que contrapón: 'outra cousa é que nunha actividade regulada poida haber un accidente'.

'PROBLEMA DO DIRECTO'

O director xeral de Montes defende, na entrevista a Europa Press, o sistema de queimas controladas como un método habitual e 'importante' en todo o mundo, e sinala que, dun 'número grande que se fan, nalgunha pode haber un erro ou circunstancia que o explique'.

En concreto, sobre o incendio que queimou 410 hectáreas -330 de monte raso e 80 de arboredo- entre as 12.00 horas do venres e as 21.00 horas do sábado, tras o escape dunha queima controlada que realizaban brigadas da propia Xunta, Tomás Fernández-Couto atribúe as causas ao 'problema do directo'.

Sucedéronse, segundo incide, unha serie de circunstancias -cambios de vento, que non se dera ata ese momento e o fallo dun helicóptero, entre outros factores- que 'se todas elas non se desen, esa situación non se produciría, pero que na realidade se produciron'.

'DISPAROUSE A ACTIVIDADE INCENDIARIA'

A maiores, fai fincapé en que a Administración autonómica 'deu comunicación' aos corpos e forzas de seguridade 'para que investiguen qué posibles causas' puideron provocar que o pasado venres, día 8 de abril, 'se disparase o número de lumes'.

'Nunha semana que a consellería cualifica como bastante tranquila dende o punto de vista da actividade incendiaria, de súpeto, dende primeira hora da mañá do venres, dispárase a actividade incendiaria na provincia de Ourense', indica Fernández-Couto.

Fronte ás críticas de traballadores das listas de Seaga, que responsabilizan do acontecido a Medio Rural por 'falta de medios', o dirixente rexeita esta acusación: 'A demostración de que non é unha situación de falta de medios é que con esa aceleración instantánea, o sistema é capaz de facerse cos lumes', argumenta.

'Evidentemente, algún deles créanos máis problemas', continúa, pero chama a atención sobre o 'cambio de tipoloxía' de grande parte dos 30 incendios que Ourense rexistrou nesa xornada: tan só sete deles superaron as 20 hectáreas, segundo asegura e, se 'ata ese momento' se estaban a producir lumes de serra e en matogueiras, o venres 'empezan a aparecer directamente en arboredo, que consumen moitos máis recursos dende o primeiro momento', denuncia.

ANÁLISE 'CON DETALLE' PARA SACAR CONCLUSIÓNS

Sobre os resultados das pescudas para esclarecer o que puido acontecer en Bande, Fernández-Couto reitera que a Xunta está a analizar 'con detalle' como se desenvolveu a queima controlada nun día cun nivel de risco 'baixo' que permitía que se realizase. Farao, dixo, para 'sacar conclusións' e 'poder tomar medidas' no futuro'.

Tamén pretende coñecer se 'realmente algunha circunstancia pode afectar' a que se producise tal escape. Con todo, conclúe que a queima controlada 'é a forma máis importante de control de biomasa' pola súa viabilidade económica, ao efectuarse mediante a creación de 'discontinuidades' na matogueira e fronte a métodos mecánicos -de roza- que supoñen maior custo.

Desta forma, rexeita os reproches do Partido Socialista sobre unha xestión 'incontrolada' das queimas por parte de Medio Rural, xa que, ao seu xuízo, busca 'sacar polémica de algo que non a ten'. 'As queimas fixéronse sempre, tamén durante o bipartito, e acométense a petición dos propietarios para evitar maiores problemas no verán', finaliza.

Te puede interesar