Unhas 400 persoas maniféstanse en Santiago para pedir aos gobernos central e autonómico 'implicación' co naval

 Medio millar de delegados de la CIG del Metal se han manifestado esta mañana por las calles de Santiago para defender la situación de los astilleros de la comunidad gallega. EFE
Solicitan reunións con Guerra e Mato para tomar medidas de reactivación dun sector que perdeu 7.000 empregos nun ano e medio
Unhas 400 persoas, entre delegados sindicais e parados do sector, manifestáronse este mércores en Santiago para reclamar os gobernos central e autonómico que 'se impliquen' con esta actividade e tomen medidas para darlle carga de traballo os estaleiros galegos.

A manifestación, que saíu da Facultade de Dereito e cruzou o centro da cidade ata o complexo administrativo da Xunta en San Caetano, levou na cabeceira o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, e o responsable de CIG-Metal, Xoán Xosé Bouzas. Os manifestantes lanzaron proclamas para animar á 'loita obreira' e para pedir a dimisión do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo. Así mesmo, reclamaron máis carga de traballo para o sector.

Bouzas indicou que a falta de carga de traballo levou a 'unha perda de emprego importante' que provoca tamén o peche de empresas. No último ano e medio, dixo, a industria naval de Vigo perdeu 7.000 empregos e 'neste momento só quedan sobre 2.500 postos, uns 500 nas empresas principais e 2.000 das auxiliares'.

'Case o 100% das auxiliares están con algún expediente de regulación de emprego e tamén as grandes, como Barreiras ou Vulcano,', apuntou e chamou a atención sobre que 'non hai nada contratado para o futuro, polo que tampouco é prometedor'.

En Ferrol rematan os contratos cos tres barcos que se están a construír e, aínda que 'teoricamente a carga de traballo mantense dende aquí a finais de 2012, irase perdendo emprego progresivamente'. Na zona hai entre 4.500 e 5.000 traballadores do naval, dos que 2.500 son da principal e 2.000 das auxiliares.

'Ante esta situación tan penurienta por parte das administracións, tanto autonómica como central, non se está a facer absolutamente nada', reprochou e criticou que se dean axudas a banca pero non a naval, que é 'estratéxico'. Por iso e, dado que cren que 'o único idioma que entende a Xunta é a mobilización e a presión política', continúan coas protestas.

Malia todo isto, Bouzas proclamou nun manifesto ao que deu lectura en San Caetano, que o naval 'é un sector con futuro', pois os tráficos marítimos 'non fan senón crecer', polo que pediu 'responsabilidade' ao Estado e á Xunta para apoialo.

ENTREVISTAS CON GUERRA E MATO

Así mesmo, a CIG rexistrou senllas solicitudes de reunión co conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, e coa titular de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, para explicar a súa situación e propoñer alternativas para fomentar a actividade no sector naval. Entre estas están desenvolver unha política comercial 'de acordo coa normativa estatal e comunitaria' en relación coas contratacións militares, impulsar un centro de reparación en Vigo e apoiar a investigación.

Tamén piden un centro tecnolóxico do naval, a creación dun fondo patrimonial de garantías galego, centrado nas auxiliares, e a construción dun dique flotante en Ferrol, co fin de que poida captar a reparación de barcos de grande envergadura. 'Se non hai un dique no que se poida varar o barco, non se poden coller e se están a perder contratas de reparación que se van a outros países', expuxo Bouzas.

Advertiu tamén que esta perda de masa pode poñer en risco unha hipotética recuperación, pois de recuperarse a actividade as empresas 'non están en condicións de garantir a man de obra', dado que os traballadores se viron obrigados a moverse a outros sectores e 'terían que suplilas as auxiliares, que xa non existen'.

Te puede interesar