Aboi rexeita calquera delito de revelación de segredos, tras negarse a declarar no xulgado

Reta á Consellería de Sanidade a que 'sigan a investigación e adiante con este farol' porque non o ten 'medo'
O representante da CIG-Pontevedra Xabier Aboi apelou este mércores ao seu dereito constitucional para negarse a declarar ante o fiscal-xefe da Audiencia provincial pontevedresa, Juan Carlos Aladro, que o citou, acompañado de avogado, como presunto autor dun delito de descubrimento e revelación de segredos. Tras pasar polo xulgado rexeitou as imputacións.

A denuncia xudicial, segundo confirmou o fiscal, foi tramitada pola Consellería de Sanidade polas supostas revelacións de Xabier Aboi nunha rolda de prensa celebrada o pasado 22 de setembro na que vinculaba tres falecementos por patoloxías cardiovasculares coa supresión o 10 de setembro do servizo de ambulancia nocturna, englobado dentro do plan de reestruturación global posto en marcha neste servizo en toda Galicia.

Aboi rexeitou calquera actuación irregular nesta rolda de prensa e invitou a consellería 'a seguir con este farol'. 'O que queremos é que sigan a investigación e se se atreve a consellería que siga adiante con este farol, non lle temos medo', afirmou.

'A CIG non mentiu, non demos ningún dato de persoas. Dixemos que había uns mortos e que a ambulancia non lles chegou en tempo como consideramos correcto, se iso é delito seremos uns delincuentes pero non nos poden dicir nin que mentísemos nin que manipulásemos, nin que désemos datos, a pesar de coñecer os pacientes porque son veciños, e é que Marín non é Nova York', declarou o sindicalista.

'¿Que é o culpable Xabier Aboi de non ter ambulancia en Marín?, veña xa. ¡Que dimita a conselleira!', manifestou o representante de CIG.

O representante da central nacionalista asegura que 'en ningún momento' facilitou datos de pacientes, e os documentos mostrados en rolda de prensa, unicamente acreditaban os tempos de resposta dados polas ambulancias neses tres casos de infartados.

ARQUIVADA

Por iso, Xabier Aboi confía en que esta denuncia quede arquivada en Fiscalía, aínda que apunta que 'tamén alguén pode ter o interese de que siga e siga meses e meses, modelo Telmo Martín'.

Segundo comentou Aboi, o que mostrou CIG naquela rolda de prensa 'foi un papel no que se indican as tardanzas, non ensinou ningún dato de pacientes'. 'Un papel que é filtrado, evidentemente, nos veu de Santiago, e di que a ambulancia se activou a tal hora e chegou a tal hora, e eu falei de tardanza', engadiu.

A presenza do sindicalista da CIG no xulgado produciuse na mañá deste mércores, sobre as 11.30 horas na planta quinta do edificio de A parda, onde se sitúan os despachos dos fiscais.

Pola súa banda, o colectivo SOS-Sanidade Pública trasladou a súa solidariedade co sindicalista da CIG tras a denuncia presentada no seu contra.

Te puede interesar